Co lema A Música Cura, esta iniciativa ten como obxectivo, segundo indican dende a organización, “transformar en alivio o sufrimento das persoas nos hospitais a través da música en directo”.

O Ensemble Xan Viaño de Ferrol estivo este martes no corredor principal do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, no marco do programa Música en Vena. A Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía xestionou novamente a iniciativa desta entidade sen ánimo de lucro, Música en Vena, que ten como lema A Música Cura, e que de forma voluntaria ofrece os concertos.
Lembrar que o seu obxectivo é, segundo indican, “transformar en alivio o sufrimento das persoas nos hospitais a través da música en directo”. Como reiteran dende a Subdirección, é unha oportunidade para que “a música se incorpore como parte do seu coidado e atención”, afirman. Este é o cuarto concerto que se produce en diversos ámbitos hospitalarios. Na primeira das ocasións, os músicos acudían á Unidade de Diálise e ó Hospital de Dia Oncolóxico do Complexo. Na segunda das visitas, a música amenizou a estadía dos e das pacientes da Hospitalización de Psiquiatría. E tanto na terceira coma nesta cuarta ocasión, a música fíxose extensiva a todo aquel que acudía ó Hospital Arquitecto Marcide.
Música da comarca para pacientes e profesionais
Segundo indican dende a organización, no día de hoxe, este Ensemble Xan Viaño de Ferrol xorde do encontro entre docentes e artistas que creen no poder transformador da música, “capaz de habitar espazos sensibles e de acompañar dende o máis íntimo. Vinculados a iniciativas sociais, a súa proposta nace do desexo de humanizar, de ofrecer beleza e presenza alí onde a fraxilidade se fai máis visible. Cada interpretación é así un xesto de escoita e de coidado”. Profesores de conservatorio e músicos con percorridos diversos conflúen nun repertorio aberto e vivo, reflexo das súas distintas voces.
Procedentes de distintos lugares, atopan no Conservatorio Profesional Xan Viaño de Ferrol o seu punto de unión. “Un espazo compartido dende o que tecen xuntos este proxecto común”, engaden. Os músicos deste martes eran Cristina Nogueira, violoncelo; Teresa Morales, violoncelo; Gustavo Barcia, contrabaixo e; Mariola Gil, clarinete.
Incidir en que música ten efectos positivos no benestar emocional dos pacientes. Existe evidencia de que a música pode transformar en alivio o sufrimento das persoas. Por iso, a Área Sanitaria de Ferrol, a través da Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, coa colaboración de Música en Vea, volve levar a música ó ámbito hospitalario.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.