O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol mantivo o pasado xoves unha xuntanza coa asociación de veciños de A Graña na que se abordou a proposta de redución de servizos no transporte urbano proposto pola empresa concesionaria e como esta afectará a situación do transporte urbano na cidade.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, explicou aos veciños a proposta que esta sendo obxecto de estudo por parte da Xunta de Galiza e contra a que o Concello de Ferrol non presentou alegacións. Para o nacionalista esta forma de proceder é unha nova mostra da constante dinámica do PP de reducir a prestación de servizos públicos en perxuizo das maiorías sociais.
O BNG sinala que A Graña é unha das zonas que se verá máis afectada polo recorte no servizo de transporte urbano xa que “Tranvias de Ferrol” pretende suprimir por completo o servizo de autobus as fins de semana e reducir à metade os servizos os días laborabeis, unha redución total de 60 servizos à semana.
Iván Rivas sinalou que a situación do transporte público na cidade na actualidade xa é moi deficiente, tanto na zona urbana como no rural, con frecuencias de paso ridículas, e que o Goberno municipal debería afrontar este servizo como algo prioritario no canto de actúar de modo cómplice respecto de decisións que van no sentido contrario ás necesidades da cidade.