A Xunta de Galicia iniciou no centro de saúde Fontenla-Maristany de Ferrol, o programa piloto de organización de axendas, que é unha das medidas centrais do Plan de reforma da atención primaria e comunitaria 2026-2030, recentemente aprobado polo Goberno galego.
Con tal motivo, o titular da carteira sanitaria, Antonio Gómez Caamaño, acompañado pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, polo director xeral de Atención Primaria e Comunitaria, APeC Salvador Mariño-Ageitos, e pola xerente da área sanitaria de Ferrol, Fernanda López, mantivo esta semana un encontro de traballo co persoal do centro de saúde Fontenla Maristany.
Tal e como explicou o conselleiro, este novo modelo de organización de axendas que desenvolve a Xunta a modo de programa piloto, levarase a cabo de xeito progresivo nas próximas semanas ata chegar a 14 centros de saúde, dous por área sanitaria.
O segundo centro da área sanitaria de Ferrol no que se probará o novo sistema de axendas, desde a última semana deste mes, será no centro de saúde de Caranza.
O resto dos centros nos que se levará a cabo o piloto de xeito progresivo ao longo das vindeiras semanas son: na área sanitaria da Coruña e Cee, os centros de saúde de Cambre, onde xa se iniciou esta mesma semana, e o de Arteixo; na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, no de Fingoi (Lugo) e no de Monforte de Lemos; na área sanitaria de Ourense, Verín e O BarcodeValdeorras, no de Allariz e Valle-Inclán (Ourense); na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, no centro de saúde de Anafáns (Poio) e no de Vilanova de Arousa; na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, no CIS de Lalín e Comarca de Deza e no centro de saúde de Ordes; e na área sanitaria de Vigo, no de Salceda de Caselas e no Taboada Leal (Vigo).
Gómez Caamaño detallou que no caso do centro de saúde Fontenla-Maristany, o modelo estase a probar nos cupos de medicina de familia. Así, a axenda ordinaria establece un máximo de 30 actos diarios combinando as consultas a demanda cunha parte da actividade programada que o profesional poderá organizar, como é o caso do seguimento de pacientes crónicos, ecografías, cirurxía menor, etc.
No caso de pediatría, o novo modelo establece axendas de 25 actos diarios ao combinar as citas a demanda e os programas de saúde infantil.
Máis tempo para os profesionais
O conselleiro referiu que os profesionais pedían máis tempo clínico para atender aos pacientes e a Xunta quere que poidan disponer nas mellores condicións posibles. Ademais, o departamento sanitario galego quere xestionar con criterios claros a sobredemanda para poder medila e darlle unha resposta organizada.
Gómez Caamaño incidiu en que, cando se alcance o límite ordinario, a demanda extraordinaria poderá ser atendida mediante axendas específicas de absorción, adaptadas ás características e aos recursos de cada centro, e sempre de maneira voluntaria e acordada cos profesionais. A atención urxente queda fóra deses límites e atenderase sempre.
O titular de Sanidade subliñou a implicación nos proxectos innovadores do Fontenla-Maristany, un centro cunha capacidade asistencial importante, posto que ten asignadas preto de 45.000 tarxetas sanitarias entre adultos e cativos e, ademais, conta con 114 profesionais, dos que 31 son médicos de familia, 36 persoal de enfermería e seis pediatras.
Este centro conta, así mesmo, cunha ampla carteira de servizos e unha actividade moi elevada, xa que, só en setembro, rexistrou preto de 21.000 citas de medicina de familia e preto de 12.000 de enfermería.
En consecuencia, este programa piloto vai permitir avaliar sobre o terreo o funcionamento do novo modelo de axendas, escoitar aos profesionais e introducir os axustes necesarios, xa que a reforma está pensada para adaptar a organización, os recursos e os equipos ás necesidades asistenciais de cada centro.
Plan de reforma da primaria
Na súa visita a Ferrol, o conselleiro explicou que o Plan de reforma da atención primaria busca reforzar este nivel asistencial a través dun investimento de máis de 320 millóns de euros e a creación de 644 novas prazas.
Trátase dunha iniciativa que combina máis persoal, novas ratios e axendas, reforzos dos equipos, novas infraestruturas e dixitalización. Mediante o plan, o Sergas incorporará profesionais de 16 categorías aos centros de saúde e avanzará nun novo modelo retributivo non só polo número de tarxetas sanitarias, senón pola idade dos pacientes, a carga asistencial ou a dispersión xeográfica.
Os obxectivos da Xunta con esta medida son protexer o tempo de atención aos pacientes, ordenar as axendas, reducir a burocracia e reforzar os equipos de profesionais nos centros de saúde, posto que, para o conselleiro de Sanidade, a atención primaria desempeña un papel esencial na prevención, no diagnóstico precoz, no seguimento da cronicidade e na coordinación co resto de niveis asistenciais.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

