O Xeoparque Cabo Ortegal pon en marcha a adhesión de empresas e produtores á marca KB0 Ortegal

O selo busca reforzar o posicionamento dos produtos locais e fortalecer o tecido empresarial do territorio a través dun modelo baseado na calidade, a proximidade e a sostibilidade. A iniciativa enmárcase na estratexia de desenvolvemento territorial do Xeoparque e no Plan de Sostibilidade Turística en Destino.

O Xeoparque Cabo Ortegal vén de iniciar o proceso de adhesión á marca agroalimentaria KB0 Ortegal, que busca visibilizar os produtos da zona e xerar novas oportunidades que contribúan a fomentar a actividade económica do territorio e á xeración de emprego. Os requisitos para sumarse a este selo identificativo déronse a coñecer nunha xornada á que asistiron empresas e produtores da zona, e que foi inaugurada polo vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, o presidente da Asociación para a Xestión do Xeoparque, Alberto Rey, e o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda.

KB0 Ortegal é unha iniciativa enmarcada no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, á que poden adherirse produtores e empresas dos sete concellos que integran o Xeoparque, dedicadas á obtención de produtos agrícolas, gandeiros ou do mar, así como ao envasado, elaboración, procesado e comercialización de produtos de alimentación. Este proxecto está sufragado polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – Next Generation EU.

Un selo para impulsar o tecido empresarial local

Para a súa incorporación á marca, os operadores interesados deberán cumprir cunha serie de requisitos obrigatorios, acreditando que producen, transforman ou comercializan nalgún dos sete concellos do destino. Así mesmo, o proceso de adhesión contempla unha batería de requisitos avaliables, dos cales será preciso cumprir cunha porcentaxe. Entre outras cuestións valorarase a vinculación co territorio, a aposta polo produto de proximidade, a aplicación de criterios de calidade, seguridade alimentaria e sostibilidade na operativa diaria e o compromiso co Xeoparque.

Unha iniciativa enmarcada na estratexia de desenvolvemento do territorio

O vicepresidente da Deputación da Coruña puxo en valor a importancia para Cabo Ortegal de contar cunha marca internacional como a do Xeoparque Mundial da Unesco, resultado dun proceso de investimento e planificación estratéxica no territorio. “Despois de investir en torno a 1,5 millóns de euros para a proxección dese territorio baixo o paraugas do Xeoparque”, explicou, trátase agora de “consolidar ese traballo e traducilo en oportunidades reais para a xente que vive aquí”.

Neste sentido, subliñou que este impulso debe entenderse tamén desde o sistema produtivo, que cualificou “de primeira orde”, e que conta con infraestruturas como A Fusquenlla, “que permiten dar servizo ao sistema produtivo agrario para a transformación e o envasado dos produtos, reforzando así a cadea de valor”.

Temos unha marca e agora é necesario que o sistema produtivo se acolla a ela e se sirva dela para posicionar produto e economía no ámbito do turismo enogastronómico”.

No encontro déronse a coñecer outros casos de éxito vinculados a marcas agroalimentarias ou clubs de produto implantados noutros territorios. Así, compareceron como relatoras convidadas Clara Rey, do equipo técnico do club de produto Galicia Destino Sostible, e Eva Gil, directora de proxectos do Grupo de desenvolvemento rural Galicia Suroeste. Nas súas intervencións destacaron o potencial deste tipo de marcas como elementos de vertebración da oferta e incidiron no papel do sector primario como motor de desenvolvemento local.

Esta xornada, celebrada no Auditorio de Cedeira, supón o arranque operativo de KB0 Ortegal, un paso máis na estratexia de posicionamento do Xeoparque, que busca poñer en valor os seus recursos naturais, culturais e gastronómicos para impulsar un modelo que integra turismo, produción local e sostibilidade.

Lea también

Neira Vilas, homenajeado en el Día das Letras Galegas 2027 por ser un «constructor del imaginario colectivo»

La Real Academia Galega (RAG) ha celebrado este miércoles, en el Palacio Municipal de María …