A Deputación da Coruña convoca o premio Otero Pedrayo 2026, dotado con 16.000 euros

O galardón ten por obxecto premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promover os valores propios de Galiza e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

A Deputación da Coruña- Archivo

A Deputación da Coruña abriu a convocatoria do Premio Otero Pedrayo 2026, un galardón que ten por obxecto perpetuar e honrar a memoria dunha das figuras máis senlleiras da cultura galega, premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura do país e promover os valores propios de Galiza e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

A dotación é de 16.000 euros, contía que achegan conxuntamente as catro deputacións provinciais galegas e a Xunta. Nesta edición, a Deputación da Coruña asume a convocatoria do premio, de acordo co carácter rotatorio anual estabelecido no seu regulamento.

O prazo de presentación de candidaturas será de tres meses desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, o pasado 26 de marzo de 2026, polo que permanecerá aberto ata o 27 de xuño de 2026.

Otero Pedrayo ca 1950/ Fundación Ramón Otero Pedrayo

Poderán optar ao premio as persoas nacidas ou residentes en Galiza, así como os grupos de traballo, institucións e entidades que destaquen pola difusión e polo mantemento da cultura galega. As candidaturas poderán ser presentadas polas propias persoas aspirantes, por entidades académicas e culturais, polas deputacións provinciais, pola Xunta ou polo propio xurado.

Convén lembrar que o Premio Otero Pedrayo é convocado cada ano por unha das catro deputacións galegas —A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra— e constitúe un dos recoñecementos máis relevantes no ámbito cultural galego. Nas últimas edicións foron recoñecidas figuras e entidades como Rosario Álvarez e Menchu Lamas (2021), Ángel Carracedo (2022), Darío Villanueva (2023), a Coral de Ruada (2024) e a Coral Polifónica de Pontevedra (2025), entre outras referencias destacadas das letras, da investigación e da creación cultural galega.

Máis información no BOP do 26 de marzo do 2026.

Lea también

Ferrol licita la construcción de un nuevo skatepark en Canido con una inversión de 160.000 euros

El Concello de Ferrol ha aprobado la licitación para la construcción de un nuevo skatepark …