O escritor vigués Manuel Esteban presenta a súa última novela, “A lei do mar”, o próximo martes, no Campus Industrial de Ferrol

A Biblioteca Ángela Ruiz Robles, situada no Edificio de Apoio ao Estudo do Campus Industrial de Ferrol, acolle, o martes 7 de abril, ás 19:00 horas, un encontro co escritor Manuel Esteban quen presentará a súa última novela, “A lei do mar” (Xerais, 2025), convidado pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).

Tal e como recolle a sinopse da propia obra, “A lei do mar” narra unha historia real sucedida no Mediterráneo na que o autor, Manuel Esteban, comparte cos seus lectores e lectoras “un estremecedor relato de morte e de supervivencia, de solidariedade e de egoísmo”. Trátase pois, segundo a súa propia editorial “dun relato desacougante de seis mariñeiros que rescatan un grupo de persoas subsaharianas entre as que se atopan tres nenas obrigadas a vivir, mais tamén é a procura desesperada dun home peixe obrigado a esquecer para converterse en humano”.

Manuel Esteban (Vigo, 1971) é médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria e profesor da rama sanitaria de formación profesional. Na actualidade, traballa como docente no Centro Integrado de Formación Profesional Manuel Antonio, situado na cidade olívica. As súas tres primeiras novelas: “A ira dos mansos” (Xerais, 2016), “O meu nome é Ninguén” (Xerais, 2018) e “A vinganza dos homes bos” (Xerais, 2020), están protagonizadas polo inspector de policía Carlos Manso. Uns anos despois, publicaría “O xogo de Escher” (Xerais, 2024) e “A lei do mar” (Xerais, 2025).

O encontro co escritor vigués Manuel Esteban está aberto a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado ata completar o aforo da Biblioteca Ángela Ruiz Robles. O director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz, exercerá de moderador.

Lea también

Las demos de los juegos nacidos como Trabajo Fin de Máster (TFM) en el Campus Industrial de Ferrol se expondrán en el Museo del Videojuego (MUVI)

La Universidade da Coruña (UDC) y la Fundación Museo del Videojuego de Galicia han firmado …