O concurso “O Talentiño”, patrocinado polo concello de Ferrol, xa ten finalistas nas distintas categorías da súa cuarta edición, tras a deliberación do xurado e a avaliación dos vídeos presentados nesta fase inicial.
Os membros do xurado, fundadores do certame e encargados de avaliar os vídeos nesta primeira fase —Eva Faraldo, Xabier Vizcaíno e Lucía Pérez—, xunto a Joaquín Enríquez, acordaron por unanimidade a selección dos rapaces e rapazas que participarán na gran final, que reunirá o mellor talento emerxente da provincia da Coruña.
Trátase, ademais, dunha edición de récord, con máis de 100 participantes inscritos. Segundo palabras do propio xurado, “a decisión foi moi complicada, xa que o nivel amosado por todos os participantes foi moi alto”.
Os finalistas
Os finalistas seleccionados son os/as seguintes:
• Na categoría de Vocalistas, os finalistas son Elsa Martínez Montero (Ferrol), Antía Barona Piñón (Narón) e Sebas Allones Dans (Camelle – Camariñas).
• Na categoría de Instrumentistas, competirán o grupo de acordeonistas “Cuarteto de Salitre” (A Coruña), Jacobo Nieto López ao violoncello (Ferrol) e Brais Pardo Alvarado coa súa batería (Miño).
• En Danza Urbana, os seleccionados son as “Cookies” (Narón), Sara Ferreiro Lagoa (Narón) e o grupo “Jockers” (As Pontes).
• Na categoría de Danza Lírica, as finalistas son Martina Seoane Cela (Ferrol) e Laura Alonso Mateos (A Coruña).
• Finalmente, na categoría de Variedades estarán “As Regueifeiras Miúdas” (de Santiago de Compostela e Narón), “Netas de Cassandra” que realizan performance e baile tradicional galego (Cedeira) e o teatro musical do grupo “El Laboratorio” (A Coruña).
Os seleccionados subirán ao escenario na gran gala final do Talentiño 2026, que terá lugar o vindeiro 12 de abril ás 19:00 horas no Teatro Jofre de Ferrol. O evento presentado por Joaquín Enríquez será de entrada libre e gratuíta ata completar aforo e contará tamén como xurado invitado coas artistas Caamaño&Ameixeiras.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
