A Deputación da Coruña e Orgullo Galego presentan nova edición do programa ‘O galego e as redes sociais’

A área de Lingua da Deputación da Coruña presenta a campaña «O galego na música e nas redes sociais», unha iniciativa que se desenvolverá en 22 centros educativos da provincia, en colaboración con Orgullo Galego, co obxectivo de fomentar o uso da lingua galega no ámbito dixital e promover a creación de contidos en galego nas redes sociais entre a mocidade.

A deputada de Lingua, Sol Agra, e o responsable de Orgullo Galego, Borxa González, deron a coñecer os principais eixos desta nova edición do programa, que dá continuidade ao posto en marcha pola área de Lingua provincial o curso escolar pasado para achegar a lingua galega á mocidade a través das canles e ferramentas propias do ecosistema dixital, incorporando nesta edición a música como elemento central para visibilizar a infinidade de bandas e propostas musicais exitosas en galego presentes nas plataformas.

Durante a presentación, Sol Agra puxo en valor a importancia de impulsar iniciativas que conecten o galego coa realidade comunicativa actual e destacou o papel das redes sociais como espazo clave para garantir a presenza da lingua entre as novas xeracións, así como para visibilizar os contidos que xa se están a crear en galego con formatos e linguaxes diversas.

«O galego é a nosa lingua propia, polo tanto podemos usala en todos os contextos e en todas as plataformas, tamén nas dixitais. A nosa mocidade ten que sentirse segura para ter a liberdade de crear contido, de facer música e de expresarse en galego nas redes sociais, e para iso ten que coñecer referentes que xa o fan, para que vexan que é algo normalizado e que o éxito non depende da lingua que uses, senón do contido que colgas», sinalou Agra.

A deputada referiuse tamén á percepción, estendida entre parte da mocidade, de que crear contido en galego pode restar seguidores, un prexuízo que, segundo indicou, non se corresponde coa realidade. «Iso é o que lles vai demostrar Borxa González nas súas charlas. Gustaríanos tamén que a rapazada puidese ter garantías de que non será cuestionada, atacada ou insultada por facer contido en galego, pero iso pode pasar e tamén teñen que sabelo. Aínda así, confiamos en que a rebeldía e a afouteza da mocidade, coñecendo referentes exitosos como Orgullo Galego, se anime a facelo sen medo», engadiu.

Borxa González crea contido nunha canle referente, con miles de seguidores, polo que se presenta como un exemplo ideal para achegarse á rapazada e mostrarlle un mundo dixital en galego, ofrecéndolle unha contextualización da situación actual, ferramentas para xerar contido no noso idioma, argumentos e referentes, así como o coñecemento de influencers e grupos musicais de éxito que empregan o galego con normalidade en todas as súas creacións.

Pola súa banda, Borxa González subliñou o potencial das redes sociais como ferramenta para normalizar o uso do galego e achegalo a públicos amplos, incidindo na necesidade de dar a coñecer referentes e proxectos dixitais que empregan a lingua galega con naturalidade e éxito. «Demostramos co exemplo de Orgullo Galego e de tantas outras canles que xerar contido en galego suma», afirmó.

Lea también

La edil lucense María Reigosa vota con el PP en el primer pleno tras pedir la baja del PSOE

La edil del Ayuntamiento de Lugo, María Reigosa se ha desmarcado del Grupo Municipal Socialista …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *