A Deputación apoia o labor da Asociación Nuestra Señora de Chamorro de Narón

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitou o centro para interesarse polas actividades terapeúticas, ocupacionais e de inclusión social que desenvolve co apoio da Deputación.

Fuente Diputación de A Coruña

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, visitou a Asociación Nuestra Señora de Chamorro, en Narón, para coñecer de primeira man o labor que desenvolve esta entidade de referencia na atención ás persoas con discapacidade intelectual e interesarse polos seus servizos e necesidades actuais.

Durante a visita, García Vidal foi recibida pola responsable técnica do centro, Rocío Coira, así como por membros da directiva da entidade, que lle trasladaron a realidade diaria do centro e os proxectos que están a desenvolver para mellorar a calidade de vida das persoas usuarias e das súas familias.

A Asociación Nuestra Señora de Chamorro conta cun centro ocupacional, cun total de 90 persoas usuarias, e cun centro de día, que atende a 35 persoas, ademais de desenvolver programas de autonomía persoal, formación prelaboral e inclusión social, orientados a favorecer a participación activa das persoas con discapacidade intelectual na comunidade.

A deputada destacou “o papel fundamental que entidades como Chamorro desempeñan na construción dunha sociedade máis inclusiva, ofrecendo unha atención integral e centrada na persoa”, e puxo en valor “o compromiso, a profesionalidade e a traxectoria dunha asociación cunha longa historia de servizo público en Ferrolterra”.

Fuente Diputación de A Coruña

Colaboración continuada coa Deputación da Coruña

A entidade mantén unha estreita colaboración coa Deputación da Coruña desde hai anos, a través de distintas liñas de apoio económico destinadas tanto ao mantemento dos servizos como á mellora das instalacións.

No ano pasado, a Asociación Nuestra Señora de Chamorro recibiu axudas de 36.000 euros para a realización de obras de mellora nas súas instalacións, incluíndo actuacións en cubertas, almacéns e baños, co obxectivo de garantir espazos máis accesibles, seguros e axeitados. Doutra banda, a Deputación destinou outros 43.904 euros para apoiar o funcionamento do seu centro ocupacional, permitindo dar continuidade aos programas terapéuticos, ocupacionais e de inclusión social.

Ademais, este ano a entidade vén de solicitar colaboración da Deputación para a adquisición dun novo vehículo adaptado, destinado ao transporte de persoas con mobilidade reducida usuarias do seu centro de día. Este recurso resulta esencial para garantir o acceso diario ao centro, especialmente no caso de persoas que viven en zonas con escasa conexión de transporte público, así como para facilitar a participación en actividades comunitarias e de ocio inclusivo.

Fuente Diputación de A Coruña

Un recurso esencial para a inclusión e a autonomía persoal

O centro de día de Nuestra Señora de Chamorro está dirixido a persoas adultas con discapacidade intelectual e/ou mobilidade reducida, ofrecendo unha atención integral que combina apoio nas actividades da vida diaria, obradoiros ocupacionais, estimulación cognitiva e sensorial, programas de ocio e tempo libre e acompañamento profesional especializado.

Mar García Vidal agradeceu aos responsables da entidade a invitación a coñecer o seu traballo de primeira man e destacou que o apoio a este tipo de entidades “forma parte do compromiso firme da Deputación co benestar social, a igualdade de oportunidades e a atención ás persoas máis vulnerables”, reforzando un modelo de políticas sociais baseado na proximidade, a cooperación coas entidades sociais e a mellora continua dos servizos públicos.

Lea también

Narón súmase ao chamamento da Mancomunidade para un consumo responsable de auga

Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a …