Cedeira acolle a estrea de “Cinzas ás cinzas”

A compañía representará a súa primeira produción despois dunha residencia artística dun mes no escenario do auditorio Municipal.

O auditorio de Cedeira acolle o vindeiro día 24, ás 20.00 horas, a estrea de “Cinzas ás cinzas” a primeira produción da compañía O Balcón Teatro.

Alex Rocha, Sandra Martínez, Uxía Muíño e Nelu Vermouth conforman este novo grupo, que contou coa colaboración do Concello de Cedeira para ter un mes de residencia artística no escenario no que o vindeiro sábado farán o seu debut.

As entradas custan 2,5 € e poden reservarse por Whatsapp -no número 649 876 614– e na billeteira desde unha hora antes.

“Cinzas ás cinzas” é a historia dun crime, unha reflexión sobre a paixón que a sociedade actual sente polo true crime e pola delgada liña que separa o interese do morbo.

A peza está dirixida por Alex Rocha e interpretada por Sandra Martínez, Uxía Muíño e Nelu Vermouth, todos de Narón e vencellados pola Escola de Teatro ou a Banda de Gaitas deste municipio.

É a historia dun asasinatom nun piso compartido. Nese espazo desenvólvese a acción, que ten outros niveis narrativos na televisión ou na comisaría e que conta co público como xuíz.

O mes de decembro foi intenso para O Balcón Teatro, que grazas á colaboración do Concello de Cedeira puido contar co escenario do Auditorio para realizar ensaios coa iluminación e outros elementos importantes cara á montaxe final. Nelu Vermouth agradece o apoio e resalta a facilidade que atoparon na localidade, coa que os compoñentes da compañía manteñen lazos familiares e mesmo de traballo.

“Cedeira é pequena pero matona no eido cultural”, di o actor, que recorda que a primeira intención da compañía foi representar “Crimen perfecto” de Frederick Knott, a historia que levou ao cine Alfred Hitchcock, pero que cuestións de dereitos e outras dificultades levaron ao grupo a crear a súa propia peza.

O venres 23, O Balcón Teatro fará tamén un pase da obra para o alumnado do IES Punta Candieira, toda unha experiencia que a compañía asume como outro reto máis.

Lea también

Ferrol promociona su oferta turística en la Semana Verde de Galicia, en Silleda

El Concello de Ferrol participa un año más en la Abanca Semana Verde de Galicia, …