A Deputación da Coruña convidará en FITUR a gozar do espectáculo único da eclipse total de sol «na fin do mundo»

A Deputación da Coruña volverá estar presente un ano máis na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebrará en Madrid do 21 ao 25 de xaneiro, cunha proposta propia integrada no espazo da Xunta de Galicia. A institución aproveitará este escaparate internacional para presentar unha iniciativa singular que sitúa a provincia como escenario idóneo para gozar dun acontecemento único: a eclipse solar total do vindeiro 12 de agosto.

O espazo estará situado no pavillón 9 do recinto feiral IFEMA, na parcela 9C07/9C09 1. A presentación da Área de Turismo da Deputación terá lugar o xoves, 22 de xaneiro, ás 11 horas, co título «Un atardecer, dous solpores: a eclipse na provincia da Coruña», a cargo da astrofísica e profesora da Universidade de Santiago (USC) Begoña Nicolás Ávila.

Un fenómeno excepcional

A provincia da Coruña converterase o 12 de agosto de 2026 nun dos lugares privilexiados do mundo para observar un fenómeno astronómico excepcional: unha eclipse solar total. O evento terá lugar pouco antes do atardecer, polo que na mesma xornada, con pouco tempo de diferenza, o sol ocultarase dúas veces.

«Será un instante irrepetíbel que servirá, tamén, para descubrir a riqueza do noso territorio», explica o vicepresidente da Deputación e responsábel de Turismo, Xosé Regueira.

A provincia da Coruña conta con dous xeodestinos que están recoñecidos como Destinos Turísticos pola Fundación Starlight: a Costa da Morte e As Mariñas. «Son dous territorios complementarios en que a calidade do ceo nocturno convive cun valioso patrimonio natural, cultural e histórico e ao alcance do visitante durante todo o ano», subliña Regueira.

Un territorio diverso cun modelo turístico versátil

A proposta que a Deputación da Coruña leva a FITUR encaixa cun modelo turístico «baseado na diversidade, na calidade e na competitividade», defende o vicepresidente da institución. A provincia posúe un territorio «versátil, capaz de xerar produtos turísticos para diferentes tipoloxías de visitantes», apoiándose nunha rede de oito xeodestinos complementarios e diferentes entre si: Ferrolterra, As Mariñas, a Costa da Morte, Terras de Santiago, a ría de Muros-Noia, Barbanza-Arousa, Terras da Comarca de Ordes e Ulla-Tambre-Mandeo.

Este equilibrio entre turismo de costa, de interior, de natureza e vinculado aos Camiños de Santiago complétase cunha oferta urbana e patrimonial «de primeiro nivel», salienta Xosé Regueira.

Ademais da presentación específica sobre a eclipse solar total, a Deputación da Coruña levará a FITUR a Guía turística da provincia da  Coruña, unha publicación dispoñíbel en edicións en galego e castelán. Trátase dun caderno lixeiro, con fotografías de gran calidade, que recolle información ampla sobre os principais recursos turísticos da provincia e ofrece consellos útiles para gozar ao máximo da experiencia de A provincia que sabe.

Lea también

Más de 5.400 personas acudieron el sábado a participar en el estudio gallego sobre la vacuna del virus sincital

Este domingo se celebra la segunda de las jornadas extraordinarias convocadas para aumentar la participación. …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *