Educación realiza obras de mellora en centros de ensino de As Pontes, As Somozas, Mugardos e Valdoviño

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Xefatura Territorial, está a levar a cabo estes días varias obras de mellora en cinco centros de ensino dos concellos das Pontes, As Somozas, Mugardos e Valdoviño cun investimento total de 54.152 euros.

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, explicou que a execución destes traballos estase a desenvolver principalmente durante o período non lectivo dos meses de decembro e xaneiro para minimizar as interferencias no desenvolvemento normal da actividade académica, aínda que o seu avance e finalización virán tamén determinados polas condicións meteorolóxicas.

 As Pontes e Valdoviño

O principal investimento realizarase no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) A Magdalena, de As Pontes, onde se levará a cabo a reforma da instalación eléctrica. A consellería destinará a estes traballos 25.000 euros.

Do mesmo xeito, o departamento autonómico ten consignados no municipio de Valdoviño outros 18.499 euros para acometer o acondicionamento da pista deportiva do Centro Público Integrado (CPI) de Atios.

As Somozas e Mugardos

No CEIP da Igrexa, nas Somozas, a actuación consistirá no arranxo do pavimento da entrada, así como das instalacións de fontanería e electricidade, cun investimento de 6.000 euros.

Respecto ao concello de Mugardos, mellorarase o pavimento da biblioteca do CEIP Santiago Apóstolo e procederase á reparación da iluminación da planta baixa e á renovación da pintura do salón de actos do Instituto de Educación Secundaria (IES) da localidade. En total, consignáronse 4.653 euros para estas dúas obras.

Mellorar a condicións de traballo e estudo 

Con estas actuacións, indicou Do Campo, a Xunta “dará resposta ás necesidades educativas detectadas no municipio, cumprindo o compromiso adquirido coas comunidades educativas dos colexios, coas que se consensuaron estas medidas”. Neste senso, a representante do Goberno galego na provincia subliñou que “a Xunta traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos”. 

Lea también

“As Pontes, Terra de Cogomelos” premia ós mellores cociñeiros de Galicia

O xurado decidirá o próximo sábado 30 de novembro nun evento de portas aberta ao …