O Pleno de Narón suma o seu apoio á manifestación polo ferrocarril do día 30

O Pleno do Concello de Narón aprobou este xoves unha declaración institucional de apoio á mobilización convocada polo Foro Cidadán polo Ferrocarril, que terá lugar o próximo 30 de novembro ás 12.00 horas na estación de tren de Ferrol. A Corporación destacou que as deficiencias nas infraestruturas ferroviarias, a escaseza de servizos e os tempos de viaxe pouco competitivos “condicionan o futuro demográfico e económico da comarca”, polo que manifesta a súa “adhesión” á mobilización e “anima a toda a veciñanza de Narón e comarca a participar na mesma”.

Ademais desta declaración, o Pleno deu luz verde á prórroga do convenio de transporte metropolitano de Galicia, garantindo a continuidade do servizo e a súa coordinación coas necesidades do municipio. Tamén saíu adiante o regulamento de participación cidadá, incluído no Plan Normativo 2026, como marco para fomentar a implicación veciñal nos procesos de decisión e consulta pública.

Outros acordos
Noutra orde de cousas, a Corporación validou a actualización do Inventario de Bens de 2025, que suma novas parcelas para viarios en distintas parroquias e incorpora mobiliario, equipamento tecnolóxico, material educativo e elementos de seguridade adquiridos polos servizos municipais. A sesión tamén aprobou o pagamento do convenio anual con Exponav e a modificación do trazado do camiño NAR-2290 en Cerrallás, incluíndoo íntegro no Inventario de Vías Municipal tras os informes técnicos e a reclamación dun particular.

Mocións

A sesión incluíu varias mocións dos distintos grupos. O PP sacou adiante a súa proposición para unha saída urxente aos problemas derivados das obras de urbanización na rúa Solaina, que foi aprobada por unanimidade.

O BNG obtivo tamén o apoio unánime do Pleno para pedir unha intervención urxente no centro comunitario Manuela Pérez Sequeiros e sacou adiante instar á Xunta ao arranxo das deficiencias dos IES Terra de Trasancos e As Telleiras. Conseguiu, así mesmo, luz verde a moción conxunta de TeGa e BNG para solicitar a incorporación de investimentos no Concello de Narón nos orzamentos da Deputación da Coruña para o ano 2026.

Pola súa banda, o PSdeG-PSOE validou por unanimidade unha moción para a creación e posta en marcha dun plan municipal fronte ao narcotráfico en Narón, e a outra para instar a actuacións na marxe da ría no treito do muíño das Aceas.

Lea también

Cuatro deportistas del Club Arco Narón premiados en la XXXVI Gala del Deporte

El pasado viernes el pazo da Cultura de Narón acogió la 36ª edición de la …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *