A Deputación da Coruña presenta un orzamento para 2026 de 256,5M€ centrando as inversións nos Concellos, gasto social e creación de emprego

A Deputación da Coruña presentou o seu orzamento para 2026, que ascende a 256,5 millóns de euros. Trátase da cifra máis elevada da historia da institución provincial e supón un incremento do 6,67% respecto ao exercicio anterior. Un orzamento expansivo, solvente e que mantén por décimo ano consecutivo a débeda cero e que impulsa o modelo de progreso, cohesión territorial e aposta polo municipalismo que a corporación vén desenvolvendo durante a última década.

As contas serán sometidas a aprobación no pleno extraordinario convocado para este venres, 21 de novembro, ás 12.00 horas.

O presidente, Valentín González Formoso, destacou que estes orzamentos “representan unha ferramenta de previsibilidade imprescindible para os concellos da provincia, que saberán con antelación que recursos recibirán da Deputación e poderán planificar con seguridade, a partir do 1 de xaneiro, os seus investimentos e servizos”. Subliñou ademais que, a pesar do forte incremento das partidas sociais e dos investimentos estratéxicos, a institución mantén “débeda cero, taxas e prezos públicos conxelados e a capacidade de pagar as facturas nunha media de dez días, demostrando que os gobernos de progreso tamén son xestores eficaces”.

O vicepresidente Xosé Regueira salientou pola súa parte que se trata de “uns orzamentos pensados para servir aos concellos, transparentes, con criterios obxectivos e afastados da discrecionalidade que existía hai unha década”. Lembrou que, en 2015, cando o actual goberno provincial accedeu á institución, entre un 20 e un 30% dos fondos repartíanse por decisión política directa. “Hoxe, o sistema garante igualdade, equidade e xustiza territorial”, concluíu.

Un modelo de provincia que funciona

O documento económico amosa con claridade o proxecto político que a Deputación da Coruña vén consolidando desde 2015: un modelo de provincia que combina benestar social, creación de emprego, innovación, defensa da autonomía municipal e cohesión territorial. Un modelo que afronta o reto que supón o despoboamento do rural o e que reforza por igual o rural e as cidades.

Do total do orzamento, 110,36 millóns de euros destínanse directamente aos concellos da provincia. Deles, 88 millóns —máis dun terzo do total das contas— corresponden á dotación inicial do Plan Único (POS+2026) e 22,3 millóns ao conxunto de subvencións directas aos municipios, que permiten financiar a contratación de persoal técnico de cultura, deporte, servizos sociais ou turismo, xerando arredor de 1.600 empregos directos.

A Deputación mantén así a súa posición como a administración galega que máis inviste directamente nos concellos, cun volume que hoxe supera amplamente o destinado pola Xunta ao conxunto dos 313 municipios a través do Fondo Galego de Cooperación Local.

Apoio aos concellos: 110,36 millóns de euros e reforzo do Plan Único

O Plan Único volve ser o gran protagonista dos Orzamentos e sitúase en 2026 nos 88 millóns de euros de orzamento inicial, cun incremento do 2,36%. Dentro desta cifra inclúense 8 millóns para o POS Social, un millón máis que o ano anterior.

Dende 2017, máis de 812 millóns de euros foron investidos a través deste plan e permitiron executar 4.600 obras en toda a provincia. É, con diferencia, o maior plan de cooperación municipal das catro deputacións galegas e un dos máis potentes de España.

“Co Plan Único fomos pioneiros en 2016 nun modelo que puxo aos concellos no centro e converteu a Deputación no maior axente inversor no rural galego”, destacou González Formoso. “Hoxe, investimos entre tres e catro veces máis nos concellos que hai dez anos”.

Regueira engadiu que “sen a Deputación, moitos concellos non poderían elaborar sequera os seus orzamentos nin manter servizos básicos; por iso estes orzamentos son unha boa noticia non só para a institución, senón para toda a provincia”.

Todas as subvencións para concellos de 2026 —que suman 22,3 millóns e xeran 1.600 empregos— foron ademais convocadas de maneira anticipada xa este ano, reforzando a seguridade e previsibilidade financeira dos concellos.

A proteción social como bandeira: máis horas de Axuda no Fogar e un novo modelo residencial para os maiores

Deputación da Coruña reforza tamén o seu compromiso social cun investimento global de 35,5 millóns de euros en benestar e igualdade, convertendo este ámbito na segunda gran prioridade do orzamento, só por detrás do apoio directo aos concellos. Cando chegamos ao goberno, hai dez anos, a área de servizos sociais contaba con 7 millóns de euros de orzamento; en 2026 roza xa os 36 millóns”, explicou o presidente, que detallou que nesta área se inclúe o Plan de Servizos Sociais Comunitarios, o financiamento de 400.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar dos Concellos e a contratación de 180 profesionais da área social, ou os programas de igualdade e envellecemento activo, que se extenden a todos os concellos de menos de 10.000 habitantes.

Un dos grandes piares sociais de 2026 é o desenvolvemento das Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM), un novo modelo de residencias da terceira idade, composto por centros de proximidade que ofrecen apoio profesional, programas de acompañamento, socialización, estimulación cognitiva e atención personalizada ás persoas maiores. A primeira CAM, situada en As Pontes, ten un investimento programado de 5,7 millóns. As seguintes abriranse en Rianxo e Ordes.

Cláusulas demográficas: unha innovación pioneira para loitar contra o despoboamento

Un dos grandes anuncios vinculados ao orzamento 2026 é a implantación das cláusulas demográficas, que se incorporarán por primeira vez nunha licitación pública en Galicia e que buscan que determinados servizos se presten desde concellos con risco de despoboamento sempre que sexa tecnicamente posible.

Valentín González Formoso aclarou que “esta medida é radicalmente innovadora e rezuma xustiza por todas partes. A contratación pública é unha ferramenta inmensa para combater o despoboamento, pero ata agora non se empregou así. Como quen ten as competencias non o fai, nós botamos a andar”.

O presidente da Deputación puxo como exemplo o servizo de Teleasistencia, que atende a 4.500 persoas maiores de 65 anos que viven soas. “Hoxe préstase desde unha nave en Pocomaco”, explicou o presidente. “Pero é un servizo que pode prestarse desde A Coruña, Bruxelas, Mañón ou Coristanco. Por que non aproveitar que unha empresa poida instalarse nun concello pequeno e transformar o seu mercado laboral?. Para un concello pequeno instalar un servizo como este e crear 30 empregos ten un impacto importante”, explicou.

Estas cláusulas abrirán a porta a que novos servizos —tanto existentes como futuros— se presten desde o rural, xerando emprego estable e contribuíndo a fixar poboación no rural.

Emprego e sectores produtivos: o PEL supera os 166 millóns investidos

O Plan de Emprego Local (PEL) conta cunha dotación de 16,37 millóns en 2026. Dende 2016, a Deputación leva investidos 166 millóns nesta área, que permitiron crear máis de 8.000 empregos e apoiar a máis 3.000 empresas. Ademais, 260 proxectos emprendedores naceron na Rede de Coworkings.

O PEL é o maior plan de emprego impulsado por unha administración local en Galicia e un instrumento clave contra o despoboamento, con novas liñas priorizadas para apoiar autónomos con máis de cinco anos de actividade en concellos rurais.

Infraestruturas, cultura, deporte, mocidade e lingua: máis investimento e novas actuacións

A área de Vías e Obras contará con 31,16 millóns de euros, cun notable incremento dun 30% respecto a este ano. A prioridade será a seguridade viaria, a creación e mellora de sendas peonís e a mobilidade sostible-

En cultura e lingua destínanse 12,84 millóns, un 7% máis, con reforzo da Rede Cultural (2,1 millóns), dos festivais e das iniciativas de promoción do galego. O deporte conta con 8,1 millóns (+3,8%) e a área de educación, mocidade e formación incrementa o seu orzamento nun 42%, incluíndo novas liñas para ANPAS e programas de estancias no estranxeiro para alumnado de Bacharelato.

No ámbito das emerxencias, increméntanse tamén as partidas destinadas a protección civil, o GES e o Consorcio de Bombeiros (+3,8%). Durante 2026 incorporaranse 80 novos bombeiros aos 10 parques comarcais existentes na provincia, reforzando a seguridade cidadá.

No ámbito audiovisual, o Coruña Estudio Inmersivo (CEI) vivirá en 2026 “o seu verdadeiro despegue”, en palabras de González Formoso. O CEI aspira a situar a provincia como “referente tecnolóxico e creativo no audiovisual galego e español”, sinalou o presidente.

Novas sedes en Ferrol e Santiago: descentralizar para achegar a Deputación á cidadanía

Formoso anunciou tamén que en 2026 abriranse as dúas primeiras sedes provinciais fóra da capital: unha en Ferrol e outra en Santiago. Estes espazos, “que se licitarán por concorrencia pública”, dixo Formoso, acollerán oficinas de xestión tributaria e outros servizos, como auditorio, sala de exposicións ou coworkings, achegando a Deputación á cidadanía.

O presidente concluíu sinalando que “2026 será un ano activo, cheo de novidades e proxectos. Un ano no que a Deputación seguirá demostrando que é posible apostar pola igualdade, pola cultura, pola protección social, polos concellos e pola innovación mantendo unha xestión eficaz e rigorosa”.

Lea también

A Deputación da Coruña elimina a cita previa nas oficinas tributarias para reforzar a atención presencial

Formoso explicou que o ano pasado, os servizos tributarios da Deputación realizaron máis de 429.000 …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *