A Deputación da Coruña ofrecía o mércores 12 á tarde unha charla informativa sobre as preto de 40 convocatorias de axudas que ten en marcha dirixidas ao movemento asociativo e máis a profesionais autónomos e pemes. O alcalde, Alberto González, daba a benvida ao público, conformado por unha ampla representación das diferentes entidades veciñais, sociais, culturais, deportivas e educativas da localidade, ás que agradecía asistencia.
Ademais, poñía en valor o crecente interese por este tipo de iniciativas, lembrando que hai uns anos, cando se organizaba a primeira charla, tan só acudiran dúas persoas fronte ás máis de 40 de onte á tarde. Xunto a el, a concelleira de Cultura e Turismo e tamén deputada provincial Rosana García, que centraba a súa intervención na liña de axudas do PEL para autónomos e pemes para financiar cuotas de seguridade social, contratar persoal con axudas para cuotas e tamén salario, consolidar emprego co mesmo apoio e investimentos para a adquisición, por exemplo, de equipamento. Catro axudas compatibles entre si que sairán publicadas o día 15 deste mes, abríndose o prazo de presentación de solicitudes.
O tamén deputado provincial Antonio Leira avanzaba algúns cambios en determinadas convocatorias, como a posibilidade de solicitar as subvencións culturais e deportivas por parte de AMPAs e asociacións de veciños -en lugar de elixir entre unhas e outras como ata este ano-.
Tamén a convocatoria de axudas deportivas para a compra de furgonetas -limitadas ata agora a asociacións do mundo do remo, piragüismo…-. Vehículos que poderán ser novos ou de segunda man. Animaba a tramitar as axudas, e tamén a formular propostas, de modo que a Deputación as estude e, en próximas convocatorias, poida incorporalas.
Ademais, o técnico provincial Manuel Doce repasaba as condicións xerais para tramitar as subvencións provinciais, lembrando a importancia dos certificados dixitais, emails únicos para as comunicacións ou evitar a presentación de documentación ao límite de prazos. E a partir de aí, repasaba as principais subvencións -deportivas con 7 liñas para competición, investimentos ou actividades de lecer; culturais con outras 7 compatibles entre si ademais das actuacións da Rede Cultural; sociais, outras 7 para investimentos en locais, funcionamento ou actividades; medio rural, con ata 12 liñas todas para investimentos… -.
Por último, sinalar que tanto as bases como as convocatorias de todas as axudas se publican no Boletín Oficial da Provincia, e nesta liña, insistíase onte na necesidade de consultar o BOP regularmente. Precisamente, este xoves 13 recolle a convocatoria de 26 das liñas de axudas tratadas na reunión celebrada en Valdoviño.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

