Ferrol convértese nun laboratorio aberto á cidadanía coa chegada da G-Night 2025

Durante a xornada, o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), o Campus Industrial de Ferrol e o Centro Cívico de Canido abrirán as súas portas para que colexios, institutos e público familiar poidan experimentar e descubrir a ciencia desde dentro, dun xeito lúdico e participativo.

O equipo do laboratorio de Biopolímeros comeza os preparativos da G-Night25

O venres 26 de setembro, Ferrol voltará ser unha das sedes da G-Night 2025: a Noite Europea das Persoas Investigadoras. A edición deste ano celebra o quinto aniversario do proxecto galego, asociado ás Marie Sklodowska-Curie Actions da Unión Europea, para impulsar a divulgación científica na nosa comunidade. Nesta ocasión, o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), o Campus Industrial da UDC e o Centro Cívico de Canido ofrecerán unha ampla programación para que colexios, institutos e familias se acheguen á investigación e gocen dunha experiencia divertida e accesible.

Obradoiros e actividades en Ferrol
No CITENI do Campus Industrial, máis de 50 persoas entre persoal investigador e de apoio coordinan unha intensa xornada de ciencia. A xornada de mañá está pensada para centros educativos de Primaria, Secundaria e FP, cun sistema de reserva previa para deseñar unha ruta de obradoiros adaptada a cada grupo.

A xornada de tarde, destinada ao público familiar, ofrece 8 obradoiros con 460 prazas dispoñibles e unha variada selección de actividades para aprender e experimentar de forma práctica, desde a enxeñaría mecánica e a física nuclear ata a robótica e as enerxías do futuro.

Entre as propostas máis destacadas están:
• Navegando por un mar en miniatura, modelos de barcos a escala na canle de ensaios.
• A mecánica dos fluídos na cociña, experimentos que revelan a física detrás dos movementos dos líquidos.
• Polímeros sostibles para a impresión 3D. É un desperdicio? Non, é un polímero 3D, técnicas e materiais de impresión 3D respectuosos co medio ambiente.
• Plásticos que desaparecen: xogando coa ciencia dos biopolímeros, estudo de materiais biodegradables e simulación da súa degradación.
• Do ser humano á máquina: enredando coa enxeñaría mecánica, prototipos ciberfísicos de motores e sensores para captar movementos humanos.
• Obradoiro de matemáticas, exploración de grafos e superficies curvas. En colaboración co Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga).
• Obradoiro de robótica intelixente, robots autónomos e demostracións de intelixencia artificial. En colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC).
• Enerxía azul: xogando a crear o mar do futuro, construción de turbinas eólicas con material LEGO e deseño de parques mariños.
• Visualizando a radiación nuclear e a supercondutividade, partículas alfa e levitación magnética de supercondutores.

Tamén haberá charlas que complementarán os obradoiros prácticos e terán lugar pola tarde na Sala de Audiovisuais da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI). Permitirán ao público familiar achegarse á ciencia de xeito ameno e comprensible, sen necesidade de coñecementos previos. Cada sesión ofrecerá exemplos e explicacións sinxelas sobre tres investigacións do CITENI vinculadas ao sector enerxético:
• Como conseguir placas solares máis sostibles, tratará sobre novos materiais e técnicas que fan que as placas solares sexan máis respectuosas co medio ambiente.
• A enerxía do mar, explicará as enerxías renovables mariñas e o seu potencial para o futuro.
• Combustibles: da enerxía ao movemento, contará o funcionamento dos diferentes combustibles e como se analiza a súa calidade para un uso seguro e eficiente.

Cada charla terá dúas sesións de 20 minutos, cunha capacidade de 100 persoas por sesión.

Centro Cívico de Canido: obradoiros de ciencias sociais
O Centro Cívico de Canido tamén será sede de tres obradoiros abertos a todas as persoas interesadas, co obxectivo de facer comprensibles temas como o márketing territorial, a economía do día a día e o papel dos medios dixitais nas eleccións, con exemplos prácticos e dinámicos para participantes de todas as idades.

O CITENI chega á Coruña
Os tentáculos do CITENI esténdense tamén á cidade herculina, onde un grupo de investigación impartirá unha actividade sobre ROV, simuladores e outras tecnoloxías mariñas na ETS de Náutica e Máquinas, permitindo así que a ciencia e a tecnoloxía do Campus Industrial de Ferrol se viva tamén fóra da cidade departamental.

O equipo do laboratorio de Biopolímeros

Inscricións e información
Para a xornada de mañá, destinada a centros escolares, a reserva debe realizarse por correo electrónico en comunicacion.citeni@udc.gal, indicando o curso e o número de participantes. O público familiar pode inscribirse para a xornada de tarde a través desta http://desta ligazón..

Toda a información e a programación completa está dispoñible na web: https://gnight.gal. As prazas do CITENI son limitadas, polo que se recomenda realizar a reserva con antelación para garantir a participación nas actividades. No Centro Cívico de Canido o acceso será libre.

 

Lea también

Manuel, el primer ferrolterrano nacido en el «Marcide» en Año Nuevo

Manuel es el nombre del primer bebé nacido en el Área Sanitaria de Ferrol en …