Narón acolle o “Compostaxe descentralizada e inserción sociolaboral”, impulsado dende Seitura 22

O Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón acolleu na tarde do mércores 17 o acto de presentación do proxecto “Compostaxe descentralizada e inserción sociolaboral”, impulsado dende Seitura 22.

Os edís Ibán Santalla e María Lorenzo acudiron á convocatoria, na que participaron o presidente da asociación Seitura 22, Miguel Teixido; Pedro Rodríguez, da asociación Aspadir, que falou dunha iniciativa de compostaxe comunitaria e inserción sociolaboral no concello de Rivas-Vaciamadrid e Ángel Lorenzo, da asociación Euroeume, que destacou os fitos e actividades deste proxecto.

Esta iniciativa continuará este mes e en outubro coa realización de visitas a entidades interesadas para elaborar un informe individualizado co fin de diagnosticar as fortalezas, oportunidades e necesidades para desenvolver un proxecto propio centrado na compostaxe, tal e como se informou no acto.

“Dentro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa de Seitura 22 para o período 2023-2027 definíronse varios obxectivos estratéxicos con varias liñas de traballo. Entre eles está o de mellorar a calidade de vida da poboación, fomentando a toma de conciencia en relación coas prácticas ambientais responsables, a reciclaxe, redución da pegada ecolóxica e impulsando a economía circular”, explicaron dende a entidade.

Na actualidade apóstase por centrarse no desenvolvemento dun proxecto de cooperación Leader para estudar a posibilidade de impulsar programas de compostaxe descentralizado de cara a facilitar a inserción sociolaboral de persoas en situacións de vulnerabilidade. Á convocatoria de onte asistiu persoal das xuntas directivas e dos equipos laborais das entidades do terceiro sector, ao que se lle explicaron as distintas actuacións que contempla o proxecto e se lles relatou a través de videoconferencia a experiencia realizada pola asociación Aspadir, que xestiona as áreas de compostaxe comunitaria en Rivas-Vaciamadrid.

“A inclusión sociolaboral das persoas en situación de vulnerabilidade e colectivos de persoas con discapacidade, é o obxectivo deste proxecto, que pretende dar a coñecer diferentes experiencias realizadas neste ámbito a nivel local e nacional, e facilitar ás entidades participantes o inicio dun itinerario para a realización do seu propio proxecto no seu concello”, indicaron dende Seitura 22.

Así mesmo, informouse que as distintas alternativas da compostaxe descentralizada (individual, comunitaria e agrocompostaxe) teñen demostrado en vilas galegas que son unha oportunidade viable para xestionar importantes cantidades destes residuos. Os beneficios son múltiples: económicos, ambientais, sociais, etc.

A maiores, recalcouse que os procesos relacionados coa compostaxe poden supoñer unha oportunidade para as entidades do terceiro sector: dende a instalación destas áreas ata a xestión e manexo das áreas de compostaxe comunitarias, dos residuos orgánicos procedentes de centros de hostalería, comedores comunitarios… como se demostrou noutras áreas do país.

Lea también

Narón investirá máis de 1,4 millóns en obras con cargo ao POS+2026

O Pleno do Concello de Narón aprobou na súa primeira sesión ordinaria do ano a …