Comezan en Cedeira as Festas da Patroa

Cedeira entra este luns 11 nas Festas da Patroa, a Virxe do Mar, que se van desenvolver ata o domingo co día da Xira a San Antón, cun intenso programa no que o Concello coidou a variedade, ofrecendo actividades para todos os públicos, e con gran protagonismo das verbenas nocturnas, ao tempo que se cumpre con clásicos totalmente consolidados nestes actos patronais como os xogos populares.

Festas da Patroa-archivo 2023

A praza situada diante do consistorio acolle ás 20.00 horas a lectura do pregón. Como en anos anteriores, o goberno local cede o protagonismo deste acto ao tecido asociativo da localidade. Neste caso, os voluntarios e voluntarias de Protección Civil encargaranse de pronunciar o discurso de apertura das festas, coincidindo co seu 25 aniversario.

A agrupación cultural Buxainas encargarase de poñer música a este evento, ao que lle seguirá unha cita xa habitual neste arranque das celebración, o Entroido de Verán. Será na praza Floreal, a partir das 22.30 horas, e o evento abranguerá unha festa da escuma coa música de Discomóbil CDC.

O martes 12, ás 20.00 horas, a praza Floreal acollerá o espectáculo “Mute” para o público familiar. É unha función de circo a cargo de Orain Bi, unha compañía vasca formada por Sara Álvarez e Rodrígo Lacasa que ten gañado o premio ao mellor espectáculo de Euskadi con esta montaxe. Xa pola noite, primeira verbena na praza Roxa a cargo do grupo Claxxon.

A tarde do mércores 13 chegará unha nova edición dos xogos populares. Será no paseo da Mariña a partir das 18.00 e repartiranse 1.000€ en premios entre as diferentes probas: tirada de corda, carreira de ovos, de sacos, regata en chalana, carreira de bébedos e cucaña. A zona encherase de público para seguir estes divertidos xogos, aos que adoitan apuntarse moitas cuadrillas.

O mesmo mércores, a partir das 20.00 na praza Floreal, hai unha nota cita para o público familiar. Actuará o Dúo Laos co seu espectáculo “Otros aires”, no que mistura tango, acrobacias e comedia. Esta á unha función que variou de horario respecto á primeira versión do programa de festas, inicialmente estaba prevista para o xoves. Cambiou a quenda co espectáculo de “Pistacatro”, que
inicialmente se programou para o mércores e será o xoves, tamén na praza Floreal ás 20.00 horas.

O mércores rematará de novo cunha verbena, desde volta na praza da Revolta a partir das 23.00 horas. Tocarán a orquestra Olumpus e pinchará o cedeirés Bruno Casas, “Brunokavi DJ”.

Lea también

El concierto de Manu Sija cierra en Neda el festival itinerante Jazz de Ría

Jazz de Ría concluirá su décima edición este domingo 16 a mediodía en Neda. El …