Pontedeume celebra o seu Festival Internacional de Folclore

O evento organizado pola AFC Orballo coa colaboración do Concello, a FACYDE e a Deputación terá lugar os días 8 e 9 de agosto polas rúas e prazas do municipio. 


Pontedeume celebra esta fin de semana unha nova edición do seu festival Internacional de Folclore. Será os días 8 e 9 de agosto na praza de San Roque e en diferentes rúas da vila. 

Trátase da edición número 36, co que nos atopamos cun evento moi consolidado e de gran tradición en Pontedeume. Incluirá a súa característica Gala Internacional, pasarrúas, sesións vermú, sorteos e moito máis. 

Está organizado pola Asociación Folclórica Cultural Orballo coa colaboración do Concello, a Federación de Asociaciones de Coros Y Danzas de España (FACYDE) e a Deputación da Coruña. 

O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, destaca “a gran importancia cultural deste evento en Pontedeume, que conta con todo o noso apoio como Goberno municipal”. Convida a toda a veciñanza “a participar das celebracións e facer desta unha edición para a lembranza”. 

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Alejandra Bellón, quixo dar o seu agradecemento “á AFC Orballo polo seu traballo incansable en defensa da nosa cultura, así como ao resto de entidades colaboradoras, patrocinadores e grupos participantes”. 

A Gala Internacional do mesmo será o venres 8 de agosto ás 21:00 na praza de San Roque, e contará coa participación de artistas procedentes de Galicia, Senegal, Polonia e o municipio murciano de Cieza.

Representación internacional

Desde Senegal chegará o ballet folclórico Jammu, que nace en Dakar no ano 2008 dirixido por Ass Ndiaye. Este ambicioso proxecto fusiona dúas ideas: a de facer un grupo de folclore estable e á vez unha escola de música e danza. 

A súa sede está no Centro Cultural de Yoff, barrio mariñeiro de Dakar no cal viven os Lebu, unha etnia de pescadores cun idioma e cultura propios. Alí crean as coreografías e levan a cabo os ensaios. 

Neste grupo participan músicos e bailaríns de todas as etnias de Senegal, presentando danzas tradicionais pero tamén coreografías con elementos de danza contemporánea. Destaca o seu uso do ritmo Mbalax, obtido cos tambores Sabar utilizados durante séculos pola etnia Wolof. 

Por outra banda, o conxunto de canto e danza Lany da Universidade de Ciencias da Vida de Poznań en Polonia foi creado en 1974. Ten case 100 membros, con estudantes, graduados e graduadas de todas as facultades de Poznań. 

Este grupo é habitual de festivais internacionais en Europa, África, Asia, América do Norte e do Sur, así como en eventos e actuacións televisivas de prestixio. Presenta música e bailes tradicionais de 15 rexións polacas diferentes e, por suposto, bailes polacos nacionais. 

Finalmente, Coros y Danzas Francisco Salzillo de Cieza naceu no ano 1942, e dende entón non parou de investigar, rescatar e divulgar o folclore da súa comarca, participando en festivais e xiras por todo o mundo. 

Teñen no seu haber múltiples discos, aparicións televisivas, e premios. Son responsables de rescatar 16 danzas da comarca de Cieza ou 9 variedades de vestiarios tradicionais femininos e masculinos. Organizan o Festival Internacional de Folclore no Segura de Cieza (Festival CIOFF) e dirixen a Escola Municipal de Folclore de Cieza, con máis de 200 alumnos.

Programación do sábado

Despois da gala do venres, o  sábado 9 de agosto comezará ás 11:30 un pasarrúas que percorrerá a vila dende a Praza de España coa AFC Orballo e a asociación Francisco Salzillo de Cieza. 

Dende ás 13:00 horas poderase gozar da cantina do festival na praza de San Roque, á que chegarán os grupos participantes para amenizar a xornada a partir das 13:30. 

Será alí onde ás 14:15 se celebrará un sorteo presencial de agasallos doados por diversos locais de comercio e hosteleria eumeses e outros patrocinadores do evento.

Lea también

Exponav acoge una conferencia magistral sobre la influencia de Álvaro de Bazán en la construcción naval del siglo XVI

    El museo de la Construcción Naval de Ferrol (EXPONAV) será escenario hoy miércoles …