O IX festival Jazz de Ría converterá a costa ártabra do 15 ao 19 de agosto nunha cita obrigada para amantes das experiencias musicais en contornas únicas

Unha visita musicada, un vermú swing, un paseo sonoro, un podcast colaborativo e un obradoiro de construción de instrumentos con material de refugallo completan un programa que contará con escenarios en Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño onde o público terá a oportunidade de ver actuar a grandes como Perico Sambeat, Sumrrá, o Coro da Ra ou Xan Campos con Faia Díaz e tamén de adentrarse nas descubertas musicais de Alba Armegou, Diego Alonso 5tet Nihil, Trilitrate ou Copos de Avena.

O Jazz de Ría pecha o cartel para a súa edición número nove cun feixe de actividades que se intercalarán entre os concertos e que están pensadas para proporcionarlle ao público unha inmersión na música e no territorio, a través dun percorrido itinerante e sosegado onde o obxectivo é poder gozar plenamente de todas as propostas. Aos concertos anunciados hai unhas semanas súmanse agora cinco actividades localizadas en lugares singulares nas que a música continúa a ser o fío condutor.

Visita musicada: Jazz e patrimonio industrial

Despois da apertura do festival que protagonizará o venres Perico Sambeat no Pazo da Cultura de Narón, o sábado 16 de agosto o festival comezará cunha proposta singular ás 11:30 horas. no Centro de interpretación dos muíños industriais de Xuvia (CIMIX), onde na compañía das guías do centro farase un percorrido pola que foi a fábrica de fariñas máis importante do século XVIII; unha viaxe ao pasado industrial de Narón a través da historia do emprendedor Jean Lestache, figura clave no desenvolvemento da comarca no período da Ilustración. E entre a maquinaria dos muíños o público poderá gozar da música do acordeonista Fran Trashorras e o saxofonista Ismael Cives, que achegarán ao jazz melodías da música popular, nun perfecto diálogo co espazo e a historia. A actividade é gratuíta previa inscrición a través da web do festival jazzderia.gal a partir do 1 de agosto.

Vermú swing: Bailar como nos anos 30

A mediodía, sobre as 13:00 horas, na Praza do Concello de Xuvia está organizado un vermú swing a cargo do colectivo vigués  Swing On, que naceu hai máis unha década co único obxectivo de celebrar a cultura jazz, creando espazos nos que poder desfrutar do baile e da música desde a inclusividade e a loita contra as desigualdades sociais.

Neste vermú swing, haberá unha aula aberta de lindy hop para todos os públicos, para todas as idades, divertida e sinxela. Despois, tanto para quen queira seguir bailando como para quen prefira escoitar boa música desde a terraza dalgún dos bares de Xuvia, terá lugar unha sesión inspirada no que foron as noites do Savoy Ballroom no Harlem dos 30, salpicadas de hot jazz, bebop, hard bop, ou jump blues.

Obradoiro de reciclaxe: Converter botellas de plástico nun xilófono xigante

Pola tarde, no Parque Freixeiro, antes de que comecen os concertos de Alba Armengou Trío, Diego Alonso 5tet_Nihil e Sumrrá & Friends 25º Aniversario, a Escola da Vaca impartirá a partir das 17:00 horas. un obradoiro de construción de instrumentos con material de refugallo, que xa é un dos clásicos da tarde do sábado no festival.

Esta escola, con base en Ferrol e con máis de 25 anos dedicados á formación musical, comezou hai uns anos a desenvolver estes obradoiros de reciclaxe como xeito de concienciar dun xeito lúdico sobre a cantidade de refugallo que xeramos. Este ano fabricarán un xilófono xigante circular empregando botellas de auga de distintos tamaños. O obradoiro está dirixido a nenas e nenos de 4 a 12 anos. As familias poderán facer a inscrición de balde a través da web do festival jazzderia.gal a partir do 1 de agosto.

Obradoiro de podcast colaborativo con ÁBRETE DE ORELLAS

Tamén en Freixeiro, durante toda a tarde, Pepe Cunha, director de Ábrete de Orellas, guiará esta actividade de participación libre para quen queira experimentar coa comunicación e a crónica musical. Este obradoiro está aberto a todas as persoas con curiosidade por contar e escoitar historias arredor do jazz. Aprenderemos a gravar, a entrevistar e a construír un relato colectivo que recolla a esencia do festival, e que despois se editará como un podcast especial do Jazz de Ría. Ábrete de Orellas foi galardonado en dúas ocasións co Premio Martín Códax da Música a mellor Espazo de Comunicación Musical.

Paseo sonoro: Unha viaxe no tempo ao salón da Ribeira

O domingo 17 ás 11:30 horas. en Neda, como preludio ao concerto de Trilitrate, o paseo sonoro guiado polo xornalista musical Fernando Fernández Rego en San Nicolás mergullará ao público naqueles tempos nos que na Ribeira funcionaba un salón de baile. O local pechou a comezos do século XX pero o percorrido musical propón un exercicio de imaxinación: Como sería o baile na Ribeira se o antigo salón continuase aberto ata os anos 70? Seguramente tocarían alí Los Zares, Los Sprinters, Los Players, Los Zafiros e tantas outras formacións que agromaron desde os anos 50 en Ferrolterra. 

A xente que desexe mergullarse nesta viaxe no tempo só ten que camiñar polo barrio mariñeiro de San Nicolás, escanear os códigos QR e deixarse levar. O paseo sonoro estará dispoñible para escoita libre do 15 ao 31 de agosto. Recoméndase levar auriculares.

Xurxo Souto rescatará a memoria das vellas orquestras de jazz no roteiro Balcóns ao Atántico. Foto.-Ruta polos Balcóns ao Atlántico na pasada edición do festival. Fuente Festival JAZZ de Ría

Roteiro Balcóns ao Atlántico: A memoria das vellas orquestras de jazz 

Despois da xornada do luns que levará a Cedeira o Coro da Ra e a colaboración de Xan Campos e Faia Díaz presentando o traballo ‘Amorodios’, o martes 19, ás 19:00 horas., e antes de que Copos de Avena peche o festival na praia do Baleo, está programado outro momento que probablemente quedará fixado na memoria das persoas que teñan a sorte de participar na experiencia: Xurxo Souto será o guía de excepción do roteiro Balcóns ao Atlántico, que levará ao público a pé desde a caseta de socorrismo da Praia de Pantín ata o Baleo, trazando unha ruta sinxela por paisaxes espectaculares na que se combinan tramos de campo con tramos de area. A medio camiño, no Castro do Rodo, xacemento arqueolóxico soterrado de grande valor simbólico e paisaxístico, Xurxo Souto, na súa dobre faceta de músico e contador de historias, volverá sobre a memoria daquelas vellas orquestras de jazz que marcaron o imaxinario musical da comarca. O roteiro non está recomendado para persoas con mobilidade reducida.
 
O Jazz de Ría está organizado por Luneda Producións e promovido polo Padroado da Cultura do Concello de Narón, o Concello de Neda, o Concello de Cedeira e o Concello de Valdoviño, coa colaboración da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural, e AIE (Artistas en Ruta).

 

Lea también

Los voluntarios de Protección Civil de Valdoviño realizaron más de 160 operativos en 2024

Los voluntarios de la Agrupación Local de Protección Civil llevaron a cabo más de 160 …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *