Aprobou no pleno de este xoves un convenio de 100.000 euros para financiar material médico no Centro Rexional de Sangue de Odesa.
A Deputación aprobou por unanimidade no pleno de hoxe un convenio de colaboración destinado a apoiar o pobo ucraíno ante a grave crise humanitaria que segue provocando a guerra. Nesta ocasión, a institución provincial destinará 100.000 euros á adquisición de equipamento médico esencial para o Centro Rexional de Sangue de Odesa, un dos hospitais clave no suroeste do país. A acción desenvolverase en colaboración coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA Ucrania), que canaliza desde Galicia múltiples iniciativas de asistencia, tanto no propio territorio ucraíno como no apoio a persoas desprazadas.
A Deputación achegará 100.000 euros para un proxecto centrado na dotación de maquinaria específica para garantir o funcionamento básico dun servizo sanitario tan sensible como é o banco de sangue. A infraestrutura da sanidade ucraína leva máis de dous anos sometida a un desgaste brutal pola guerra, con constantes bombardeos, cortes de subministración e escaseza de recursos médicos. Neste contexto, contar con sistemas adecuados para recoller, conservar e distribuír sangue salva vidas todos os días, tanto no tratamento de feridas de guerra como noutras intervencións hospitalarias que non poden parar. A maquinaria que se financiará inclúe extractores de sangue automáticos, conxeladores rápidos, mesas refrixeradas, frigoríficos técnicos, seladores móbiles, conxeladores biomédicos e contedores con anticoagulante.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que “nun momento no que a guerra desapareceu das portadas, é máis importante ca nunca manter viva a solidariedade co pobo ucraíno, apoiar ás organizacións que están sobre o terreo e contribuír a salvar vidas con proxectos coma este, que atenden unha necesidade humanitaria moi concreta”.
A distribución do material farase no terreo a través da organización benéfica KOLO Charity Foundation, colaboradora directa de AGA Ucrania, que traballa de maneira continuada na rexión de Odesa desde o comezo da invasión rusa. A Deputación colabora con AGA Ucrania desde hai máis de dous anos, recoñecendo a súa labor seria, rigorosa e directa tanto dentro de Ucraína como na acollida de persoas refuxiadas en Galicia.
Outras accións de apoio ao pobo ucraíno
Esta nova axuda enmárcase nun compromiso humanitario que a Deputación mantén vivo desde o estalido da guerra en febreiro de 2022. Nos primeiros meses do conflito, a institución acolleu a 32 persoas refuxiadas de guerra ucraínas na residencia do IES Rosalía Mera, a maioría delas mulleres e menores.
A maiores, tras unha reunión mantida en Madrid co embaixador ucraíno en España, Serhii Pohoreltsev, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, impulsou o envío de ambulancias ao país que a día de hoxe seguen traballando para reforzar a atención de urxencia nos puntos máis afectados polos bombardeos. Ademais, hai uns meses, o propio presidente recibiu aos responsables de AGA-Ucrania na sede provincial para avaliar novas vías de cooperación, entre elas esta intervención que agora se materializa.