‘Pontedeume Vila do Libro’ homenaxea a Castelao nos 75 anos da súa morte

Pedro Feijóo, Arantza Portabales, Antía Yáñez e María Solar son algúns dos autores que participarán no festival literario do 22 ao 24 de agosto.

O Concello de Pontedeume prepárase para acoller a segunda edición de ‘Pontedeume Vila do Libro’, que terá lugar entre o 22 e o 24 de agosto, consolidándose como unha das citas culturais máis importantes do verán galego. O director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro; a concelleira de Cultura do Concello de Pontedeume, Alejandra Bellón, e o director do proxecto Vila do Libro, Enric Bono, presentaron oficialmente esta segunda edición en Santiago de Compostela.

Castelao, protagonista da programación

Un dos eixos centrais desta edición será a conmemoración dos 75 anos da morte no exilio de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O festival recordará as diversas facetas da súa múltiple contribución á cultura galega a través de tres dimensións: a intelectual, a de escritor e a de ilustrador.

Acto inaugural con Ramiro Fonte

O acto inaugural do festival estará dedicado á presentación da tradución ao castelán da obra Os ollos da ponte, segundo volume da triloxía Vidas de infancia do escritor eumés Ramiro Fonte, publicada por Hércules de Ediciones. Esta tradución contribúe á difusión da obra do escritor eumés, poñéndoa ao alcance dun novo público. Na mesa participarán o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o tradutor José Fonte, o ilustrador Antonio Seijas, a editora Laura Rodríguez, e o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro. O acto contará ademais coa actuación dos conxuntos folclóricos Airiños do Eume e Orballo.

Narrativa galega contemporánea

A programación incluirá unha destacada representación da narrativa galega actual con Pedro Feijóo e a súa obra Onde nacen as bestas, Arantza Portabales con Asasinato na casa rosa, e Antía Yáñez con O clan das barbies, xunto a Emma Pedreira e A boca da sombra.

O festival tamén explorará os vínculos entre linguas e culturas cunha mesa de diálogo poético en galego e catalán, con Pilar Arnau, filóloga, e Miguel-Anxo Fernán-Vello, editor de Espiral Maior.

Literatura mariñeira e tradición oral

Entre as propostas máis orixinais figura a presentación de Nao cetácea co escritor, pintor e mariñeiro Xosé Iglesias e o seu editor Pablo Quintana,responsable da editorial Canela. Ademais, achegarémonos á historia da expedición Balmis 222 anos despois!, nunha  mesa da que formará parte María Solar coa súa obra Os nenos da variola.

Presentarase o quinto volume da colección de cancións tradicionais da contorna eumesa, o ambicioso proxecto de Xosé Paz, que se acompañará cunha actuación musical.

Música inclusiva e poesía

A música terá un papel destacado co proxecto de Gallos del Norte, unha iniciativa de inclusión e integración social a través da música e da improvisación para persoas con diversidade funcional.

A programación poética contará con Nuria Vil e Flúor significa escuridade, así como co recital As alas de serpe de Sol Mariño.

Programación infantil

Para o público infantil, o festival ofrecerá un espectáculo musical a cargo de Silvia Penide, o obradoiro poético Tacón, punta, tacón de Anxo Iglesias, os contacontos Lola Feroz de Juan Baquero, e o taller Da árbore ao libro da editorialCuarto de inverno.

Completará a programación a presenza da Asociación FerrolTerra, consolidando os vínculos culturais da comarca.

Un proxecto que transforma os espazos públicos

‘Pontedeume Vila do Libro’ é máis ca un evento cultural: é unha celebración do libro como ferramenta de transformación social, da lectura como acto compartido e celebración da palabra. Durante tres días, a vila converterase nunha gran libraría ao aire libre, onde as prazas e rúas se transformarán en espazos de encontro arredor dos libros.

O festival promove o acceso á cultura de forma aberta, gratuíta e inclusiva, poñendo en valor a capacidade dos libros para impulsar cambios, favorecer a creación de novas ideas e cohesionar a cultura co entramado social e económico do territorio.

Nos próximos días darase a coñecer a programación completa, que incluirá presentacións, obradoiros, actividades familiares e propostas culturais abertas a todos os públicos.

Lea también

Diez firmas participarán en la tercera edición del EcoMarket en Equiocio Ferrol

Durante las cuatro jornadas del certamen, los artesanos invitarán al público a participar en talleres …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *