A directora de Márketing e RSC, Melisa Pagliaro Fernández, e o presidente do comité organizador, Ricardo Pérez Lama, avanzaron a programación que promoverá a firma no certame, centrada na sostibilidade e no consumo responsable.
A directora de Márketing e RSC de Gadis, Melisa Pagliaro Fernández, e o presidente do comité organizador de Equiocio Ferrol, Ricardo Pérez Lama, avanzaron en rolda de prensa os contidos da programación que promoverá este ano Gadis no certame, tras o cal se celebraba a tradicional sinatura do convenio por parte do adxunto ao delegado de área de Gadis en Ferrol, Fernando Mosquera, e o representante de Equiocio Ferrol.
O acto contou coa asistencia da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; da directora do certame, Ana Pérez Lago, e do responsable deportivo, Federico Pérez Lago; da coordinadora de Responsabilidade Social Corporativa, Lucía Santos, e dunha ampla representación das entidades de Equiocio Social (Alcer, Afal, Affinor, ASCM, Aspaneps, Asarga, Basketmi, Patronato Concepción Arenal, Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal e Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra-AXF).
Coa rúbrica do acordo dan continuidade a unha relación de colaboración que se mantén dende hai máis de 25 anos, e que sitúa a Gadis como un dos patrocinadores principais do evento. Nesta liña, Ricardo Pérez Lama agradecía o apoio incondicional da firma galega e o seu compromiso coa programación de Equiocio Ferrol, promovendo interesantes accións enfocadas ao público máis novo e relacionadas coas prácticas saudables e a sostibilidade.
Nelas centrou a súa intervención a directora de Márketing de Gadis Melisa Pagliaro. Avanzou que a firma participará este ano da programación cos seus talleres de cociña creativa, dirixidos a nenos a partir de 3 anos e mozos de ata 16. A través das sesións, aprenderán nocións básicas sobre a cociña sostible, un enfoque culinario que dá prioridade ao uso de ingredientes, técnicas e prácticas que minimizan o impacto ambiental, reducen o desperdicio e apoian ás comunidades locais, filosofía que acompaña a Gadis.
Cada sesión iniciarase cunha presentación dos ingredientes que os participantes utilizarán para as súas elaboracións, segunda parte da acción. Deste xeito, en colaboración con Campo Capela, prepararán un queixo a partir da masa distintiva da marca, produto de proximidade presente nos supermercados de Gadis.
Elaborarán aperitivos salgados “spring roll”, roliños de leituga Batavia Hortamanda chea de requeixo da Capela, pavo natural e noces. E pechando o menú, a sobremesa: un vasiño de froita de tempada con lascas de chocolate, mousse de chocolate branco e aceite esencial de menta.
Celebraranse do xoves 31 de xullo ao domingo 3 de agosto, de 11:30 a 14:30 horas e venres, sábado e domingo, tamén de 16:30 a 19:30 horas. As sesións serán de 45 minutos, de balde, e con inscrición previa no certame.
Ademais, e como vén sendo habitual nos últimos anos, Melisa Pagliaro indicou que as entidades de Equiocio Social tamén poderán participar na programación, contribuíndo así ao carácter inclusivo do certame.