O alumnado do obradoiro de emprego ‘Inicia VIII’ mellora espazos públicos de Fene

As actuacións realizáronse en puntos de Fene, Perlío e no campo de fútbol de Perlío, coa instalación de varandas que melloran a seguridade.

O programa de formación e emprego forma a 13 mozas e mozos na especialidade de tubaxe industrial, cun financiamento de case 450.000 euros.

O Concello de Fene vén de destacar o labor do alumnado-traballador do obradoiro de emprego ‘Inicia VIII’, que nestas semanas está a executar diferentes actuacións de mellora en espazos públicos do concello. Entre os traballos realizados atópanse a fabricación e instalación de varias varandas metálicas en puntos estratéxicos de Perlío, Fene e no campo de fútbol de Perlío, co obxectivo de mellorar a seguridade peonil e a accesibilidade.

As intervencións enmárcanse nas prácticas profesionais do obradoiro, no que 13 mozos e mozas en situación de desemprego están a recibir formación na especialidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial, un perfil técnico con alta demanda no tecido industrial da comarca.

Formación con impacto no concello

A concelleira de formación e emprego, Ángeles Coira, valorou moi positivamente os resultados acadados: “Este programa é unha ferramenta moi valiosa, porque combina a cualificación profesional cunha experiencia práctica que repercute directamente na mellora dos espazos públicos e na seguridade da veciñanza”. A edil tamén destacou “a capacidade do obradoiro para dar resposta ás necesidades do territorio e ás demandas reais do sector industrial, ofrecendo oportunidades de futuro a mozas e mozos que queren traballar e formarse sen marchar da comarca”.

As clases prácticas e teóricas impártense na nave municipal que o Concello de Fene ten en San Marcos, acondicionada como espazo de formación. O obradoiro Inicia VIII está promovido polos Concellos de Fene, Ares, Cabanas e Mugardos, e conta cun financiamento de 448.967 euros da Xunta de Galiza no marco do programa de Garantía Xuvenil, dirixido a persoas de entre 18 e 30 anos en situación de desemprego.

O Concello de Fene aposta así por unha formación conectada co territorio, que contribúa á empregabilidade xuvenil e, ao tempo, á conservación e mellora dos espazos públicos.

Lea también

Fene celebra unha nova edición do seu Outlet con grandes descontos no comercio local

Esta fin de semana regresa unha das citas máis agardadas do comercio local: o Outlet …