A Universidade da Coruña abre as portas dos seus centros de investigación e do SAI ao tecido produtivo a través de UDC Conecta

En CITENI Ferrol

A Universidade da Coruña, a través da súa Oficina de Transferencia de Coñecemento (OTC), puxo en marcha un ciclo de visitas técnicas aos seus centros de investigación e ao Servizo de Apoio á Investigación (SAI), no marco da iniciativa UDC Conecta, coa finalidade de dar a coñecer ao tecido empresarial e institucional da contorna as capacidades científico-tecnolóxicas da institución.

As visitas desenvolvéronse entre os días 10 e 20 de xuño e permitiron a 53 persoas –37 procedentes de empresas e 16 de entidades públicas e privadas– percorrer os catro centros de investigación da UDC (CITIC, CITENI, CICA e CITEEC), así como as instalacións do SAI. A través de presentacións e visitas guiadas, o ciclo facilitou o contacto directo co persoal investigador e técnico da universidade, favorecendo o diálogo e a exploración de sinerxías para futuras colaboracións.

Percorrido polos centros de investigación da UDC

O ciclo de visitas comezou o 10 de xuño no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Investigación e as Comunicacións (CITIC), centro de referencia estatal en innovación dixital. As persoas asistentes puideron coñecer as súas liñas prioritarias de investigación, como a intelixencia artificial, o big data, a ciberseguridade ou a eSaúde; así como percorrer os seus espazos tecnolóxicos e laboratorios especializados.

Seguiulle na quedan de visitas o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), no Campus Industrial de Ferrol, onde se puxo de manifesto a súa capacidade de transferencia tecnolóxica no eido da enxeñaría naval e industrial, con visitas a espazos como o túnel de vento, o canal de experiencias hidrodinámicas ou os laboratorios de procesado de materiais, fabricación aditiva, enerxía, tecnoloxía nuclear e simulación.

en CITENI Ferrol

Pola súa banda, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) amosou o seu ecosistema investigador enfocado en retos como a saúde, o medio ambiente e os materiais avanzados. Durante a visita, presentáronse liñas de traballo en biomedicina, alimentación, contaminación, nanociencia e biomateriais.

O ciclo rematou o 20 de xuño co percorrido polo Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), destacando infraestruturas singulares como a dársena de ondada, o túnel de vento ou os laboratorios de hidráulica ou os espazos de estradas, xeotecnia e estruturas.

Incluíuse tamén o Servizo de Apoio á Investigación (SAI) que amosou as súas unidades técnicas especializadas. Este servizo presta apoio técnico-científico á actividade investigadora da UDC e supón un recurso clave tanto para o persoal investigador como para empresas e entidades que demandan análises avanzadas e soporte especializado para os seus proxectos.

UDC Conecta

Esta acción enmárcase na estratexia de UDC Conecta, plataforma creada para facilitar a conexión entre o ecosistema investigador da Universidade da Coruña e o tecido produtivo e institucional. Desde a OTC avanzan que está prevista unha nova edición deste ciclo, que será anunciada próximamente.

As persoas ou entidades interesadas poden contactar a través do correo electrónico: otc@udc.gal.

Lea también

El Centro de Protonterapia de Galicia recibió un componente clave de su equipo ‘Proteus One’, el más avanzado para tratar el cáncer

El Gobierno gallego invierte casi 20 millones de euros en la ejecución del edificio del …