O Concello de Cedeira promove un verán máis, da man de empresas locais, visitas e rutas guiadas que brindan a propios e visitantes un mellor coñecemento da historia, a cultura e o patrimonio natural da localidade. Cada semana haberá un paseo guiado pola vila con Sergio Muíño, responsable do seu proxecto Destino Cedeira, así como unha visita ao núcleo de San André de Teixido, no que o Concello tamén promove a apertura dun punto de información turística. Volven tamén as rutas de sendeirismo por sete itinerarios diferentes, para descubrir as espectaculares paisaxes deste territorio.
Para non perder os “Paseos guiados ao atardecer” con Sergio Muíño cómpre visitar os perfís en Instagram e Facebook de Destino.Cedeira. Serán ao solpor en xeral, pero poderán variar de día e hora en función das previsións meteorolóxicas. Tamén cambiará o tema: a pegada musical de Cedeira, as tradicións mariñeiras, o castro de Sarridal, as obras de street art repartidas pola localidade… cunha duración aproximada de dúas horas, os grupos irán descubrindo a historia e os lugares máis emblemáticos de Cedeira, os costumes e as tradicións. A inscrición é totalmente gratuíta.
O Concello de Cedeira promove tamén, un verán máis, as visitas e a atención turística no núcleo de San André de Teixido. A referencia neste caso é a web e as redes sociais do proxecto “Eu fun de vivo”, do que tamén é responsable Sergio Muíño, que ten recibido xa varios premios polas súas investigacións arredor deste enclave. Ata o 15 de setembro abrirá todos os días a caseta de información turística situada á entrada de Santo André -aproximadamente entre as 11.30 e as 16.00h- e cada xornada, cara ás 12 do mediodía, haberá unha visita guiada e ao prezo bonificado de 2€.
Por outra banda, o Concello de Cedeira colabora tamén coa empresa de ocio activo Portal Norte no desenvolvemento de rutas de sendeirismo guiadas e gratuítas. Desta volta se van facer un total de 34 saídas e o programa prolongarase ata o 15 de setembro por sete itinerarios diferentes. A maioría serán pola mañá, pero tamén haberá algunhas camiñadas ao solpor ou pola noite.
Todas as rutas terán un máximo de 15 participantes e unha duración aproximada de catro horas. As persoas interesadas poderán inscribirse de balde chamando a Portal Norte (tlf. 648 877 780). O programa poderá sufrir cambios pola meteoroloxía, nos itinerarios e nas datas.
A primeira saída foi o luns desta semana, pola ruta circular de Robaleira. Son uns 8 km dun percorrido de dificultade baixa ou media e desnivel acumulado de 400 metros, con saída desde a Oficina de Turismo. É unha camiñada clásica neste programa estival do Concello de Cedeira que adoita espertar grande interese. Desenvólvese pola serra da Capelada e ofrece paisaxes espectaculares. Repetirase os días 9 e o 23 de xullo, o 20 de agosto e o 1 de setembro.
O mércores 25 de xuño, houbo unha excursión aos Altos de Santo André, que partiu do mirador dos Carrís. 7,5 km, cun desnivel acumulado de 600 metros, por magníficas paisaxes nas que as persoas participantes coñeceron tamén aspectos da riqueza xeolóxica da zona.
O 12 e o 28 de xullo haberá novas oportunidades de facer este percorrido, ao igual que os días 18 de agosto e 3 de setembro, aínda que neste caso programaranse as saídas ao solpor.
O camiño a Santo André de Teixido desde Porto do Cabo ofrecerá o 28 de xuño unha andaina salpicada de historia e lendas. Repetirase unha vez cada mes: o 26 de xullo, o 30 de agosto e o 13 de setembro.
A seguinte cita será con outra ruta circular, a da garita de Herbeira, o 30 de xuño. A andaina comezará no Campo da Armada, subindo ao alto do val do Seixo e á falla de Teixidelo e chegando a Herbeira desde a beira da ría de Ortigueira. Esta ruta volverá a desenvolverse os días 14 e 30 de xullo, e o 9 de agosto e o 6 de setembro, nos dous últimos casos en horario nocturno.
A do río Condomiñas é a seguinte saída no calendairo. A primeira será o 2 de xullo, e repetirase o 16 dese mes, o 2 e 23 de agosto e o 8 de setembro. A proposta é chegar a Chimparra e coñecer a fervenza das Barrosas procurando facer a maior parte dos tramos abertos a carón do río. É un dos percorridos máis doados e o regreso realizarase en furgoneta.
A ruta dos Peiraos desde Candieira estrearase o 5 de xullo, saíndo desde Purrido para chegar pronto á parte máis espectacular e segura do itinerario. Serán 7km, de dificultade media/alta e un desnivel acumulado de 600 metros. De novo anunciarase para os días 19 de xullo, 4 e 25 de agosto e 10 de setembro.
A circular da Capelada é un percorrido pouco coñecido tanto para a xente da zona como para visitantes. Comeza nos almacéns da serra e pasa polo curro e polo río das Mestas. Convocarase por primeira vez para o 7 de xullo e repetirase o 21 dese mes, o 6 e 27 de agosto e o 15 de setembro.