Os tres grupos piden ao goberno do PP «que condicione a subvención ao cumprimento dos acordos».
Os grupos municipais de PSDEG-PSOE, BNG e Ferrol en Común levan ao pleno de fin de mes, que se celebrará o xoves 26, unha moción na que reclaman do goberno do PP «unha maior implicación na solución dos graves problemas que está a atravesar dende hai un tempo a Cociña Económica».
Así, as tres agrupacións da oposición reclaman, en primeiro lugar, «que o executivo local busque, coa xunta directiva desta emblemática institución ferrolá, solucións que pasen en todo momento pola reincorporación das traballadoras e a recuperación das condicións económicas anteriores, garantindo o cumprimento de todos os dereitos laborais e, en segundo lugar, pola recuperación do servizo de cociña, tal e como se viña facendo ata o momento».
Pero, ademais, os tres grupos municipais instan «condicionar a subvención anual, e mesmo unha suba se fose necesaria, ao cumprimento íntegro dos puntos anteriores, adaptando a redacción do obxecto da subvención a ditos acordos«.
Os tres grupos da oposición subliñan que «o Concello de Ferrol non pode ser alleo a este problema, posto que non só se trata dunha das administracións que subvencionan á entidade, senón que ademais esta decisión da directiva da Cociña Económica está a afectar a un colectivo sobre o que a administración municipal ten competencias, e non só iso, senón que atinxe á alimentación, un dos servizos máis básicos e esencial do chamado estado do benestar. A este respecto, lembran que o Concello de Ferrol outorga cada ano unha subvención nominativa de 40.000 euros a unha entidade fondamente arraigada á cidade desde hai máis de 130 anos».
Como argumentan PSdeG-PSOE, BNG e FeC na exposición de motivos da moción, «nos últimos meses, na Cociña Económica estanse a tomar unha serie de decisións que afectan tanto ao servizo que se presta e á súa calidade como á situación laboral das persoas -todas mulleres- que traballan, ou traballaban, na institución». «A raíz dunha inspección, a xunta directiva tomou a decisión de reducir o salario nun 16% ás traballadoras da institución ferrolá -para garantir o descanso semanal de 48 horas, segundo explicou o seu presidente-, ofrecendo se non se aceptaba esta opción o despido con indemnización. Ante esta situación que deixa a estas mulleres nunha situación laboral e económica precaria, tres das empregadas decidiron marchar».
«Pero, ademais, a dirección da Cociña Económica decidiu externalizar o servizo, contratando a unha empresa de catering a totalidade de almorzos e ceas que sirven nas súas instalacións». Este cambio, para estes grupos políticos,«non só supón un custo que non ten sentido polas magníficas instalacións de que dispón a entidade, cunha cociña industrial que pode dar servizo a ducias de persoas, senón que fai decaer substancialmente a calidade das comidas que se sirven». «Non ten sentido ningún que unha entidade que mesmo leva o nome de Cociña no seu nome, pase a convertirse nun comedor social sen máis, sen comida feita na súas cociñas e cun persoal ou, na casa, ou nunhas condicións de precariedade», apuntan.