As obras da pista multideporte no poboado da Magdalena en As Pontes avanzan a bo ritmo

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado polo concelleiro de obras, Roberto Rivera visitaban esta semana as obras de execución dunha pista multideporte no Poboado da Magdalena e a mellora da contorna.

O proxecto, cun orzamento de 181.427 euros, con cargo á Deputación da Coruña, ten como obxectivo prioritario mellorar a funcionalidade, seguridade, eficiencia enerxética e sustentabilidade dunha das prazas interiores do Poboado da Magdalena mediante a instalación dunha pista multideporte e o acondicionamento da súa contorna, que permitirá a reorganización do espazo tendo como prioridade o lecer e a convivencia, creando un ámbito de xogo multideporte, renovando os itinerarios pavimentados, adaptándoos ás características dos xa remodelados na contorna.

Así os traballos comezaron coa demolición dos elementos existentes para, a continuación proceder a execución da soleira de formigón sobre a que se instalará unha pista de 20 metros de longo por 10 metros de ancho, para a práctica de fútbol, baloncesto e balonmán, formada por unha estrutura realizada en tramex composta por módulos de diferentes cores, con dúas portarías nos lados curtos, sobre as que se colocarán os taboleiros de baloncesto, completándose o equipamento con dous taboleiros de minibasquet.

Posteriormente executarase a contorna da pista con formigón armado de cor similar ao executado na praza principal do Poboado e amoblarase con bancos, papeleiras e xardineiras. Nos itinerarios peonís, nas traseiras das edificacións próximas xa se colocou un novo pavimento e substituironse as tapas de rexistro de servizos, colocándose novas tapas de fundición.

Unha vez rematada a pista procederase a execución dos itinerarios peonís da mesma, poñendo a disposición os medios necesarios para crear un espazo inclusivo, deseñado para todas as persoas, eliminando as barreiras físicas e creando itinerarios accesibles para persoas con diversidades funcionais e problemas de mobilidade, aplicando criterios de ergonomía na selección do mobiliario urbano e de seguridade na elección dos pavimentos e proteccións, creando, ao mesmo tempo, unha contorna na que se reduzan os riscos de accidentes.

Así mesmo procederase á ampliación da rede de iluminación para a pista multideporte posibilitando o aforro de custes co máximo rendemento lumínico para o que se proxecta a ampliación da canalización de tendido de alumeado existente e a disposición de novos farois con lámpadas LED, tanto na pista multideporte como na súa contorna.

Ademais optarase pola instalación de equipamento sustentable mediante a selección de elementos de mobiliario urbano realizados con materiais reciclados e medioambiental apropiados coma as madeiras certificadas. A contorna da pista multideporte executarase en formigón armado de cor similar ao executado na praza principal do Poboado e amoblarase con bancos, papeleiras e xardineiras.

Lea también

El Racing de Ferrol araña un punto ante el Bilbao Athletic tras jugar 80′ en superioridad

«El filial bilbaino logró un valioso empate ante el Racing de Ferrol, jugando con uno …