Ares presenta as súas rutas turísticas en barco pola ría

Lucía Blanco, concelleira de Turismo, presentou no consistorio de Ares as rutas turísticas a bordo do barco pesqueiro M. Presas, un dos principais servizos no período estival da vila. 

Dende o 21 de xuño até o 12 de outubro, o M. Presas navegará pola ría para axudar a ollar Ares dende unha perspectiva distinta, gozando da súa conexión coa cultura mariñeira e contemplando con calma a beleza do seu litoral.

Cada sábado e domingo, o M. Presas partirá en viaxes de hora e media tanto de mañá como de tarde dentro duns horarios fixos: de 11:00 a 12:30 horas, de 12:30 a 14:00 horas e, xa de tarde, de 17:00 a 18:30 horas e de 18:30 a 20:00 horas. Os percorridos terán un prezo de 15 euros para os adultos e 8 euros para os menores.

Os navegantes que se animen a desfrutar das rutas en barco poderán ollar o Porto de Redes, o Mourón ou a maxia das Illas das Mirandas, un lugar de profunda tradición mitolóxica arredor da súa Serea, que quizais poida albiscarse tamén nestas expedicións turísticas particulares.

“O M. Presas axúdanos a ver Ares dende a súa relación co mar, coa cultura pesqueira, e a experiencia enriquécese ao saber que o propio barco ten a súa historia: foi un barco de pesca tradicional doado en 2008 ao concello por un armador aresán, e a día de hoxe continúa ligado á divulgación do noso patrimonio mariñeiro”, salientou no acto de presentación a concelleira de Turismo, Lucía Blanco.

As persoas interesadas neste servizo poderán ampliar información e reservar prazas na Oficina de Información Turística municipal ou contactando cos teléfonos 981 468 259 e 609 224 223.

Lea también

Neda prohíbe usar agua de la red municipal para usos no esenciales

Se prohíbe usar agua de la red municipal para el llenado de piscinas, riego de …