A Deputación da Coruña impulsa con 549.000€ as actividades de fomento do deporte de máis de 100 entidades da provincia

Antonio Leira destaca que as axudas buscan “garantir o acceso ao deporte en igualdade, en todos os concellos, e para todas as idades”.

Foto arquivo: Antonio Leira facendo o saque dun partido do Circuíto de Baloncesto 3×3 da Deputación

A Deputación da Coruña publicou este lúns no BOP a resolución definitiva da adxudicación de subvencións para o fomento do deporte mediante a concesión de 549.176 euros a un total de 114 entidades sen ánimo de lucro da provincia. Trátase da liña FO103A, destinada a apoiar o funcionamento de clubs, asociacións e federacións que traballan en prol da actividade física e deportiva ao longo de todo o ano.

deputado responsable da área de Deportes, Antonio Leira, subliñou a importancia destas axudas para «manter a actividade deportiva en toda a provincia, desde os pequenos clubs rurais ata as escolas deportivas e entidades que traballan coa base e co deporte feminino”. Segundo indicou, “o obxectivo é garantir que todas as persoas, vivan onde vivan, poidan acceder á práctica deportiva en condicións de igualdade”.

A resolución definitiva foi publicada este luns no Boletín Oficial da Provincia, logo de pechar o prazo de alegacións sen que se produciran cambios significativos nas puntuacións. Entre as entidades beneficiarias atópanse clubs de disciplinas como patinaxe, balonmán, fútbol, ciclismo, piragüismo ou taekwondo, así como asociacións que desenvolven programas inclusivos ou destinados á saúde e ao benestar da poboación.

“Estas axudas permiten que moitas entidades poidan organizar adestramentos, participar en competicións ou desenvolver actividades en centros educativos e sociais, algo fundamental para a promoción do deporte na provincia”, destacou Leira. O deputado tamén puxo en valor “o esforzo dos voluntarios e voluntarias que hai detrás de moitas destas entidades, que con poucos recursos logran sacar adiante proxectos deportivos de gran valor social”.

A convocatoria establece que as entidades deberán xustificar o destino dos fondos, que poderán empregarse para gastos de persoal, equipamento, transporte, loxística e outras necesidades básicas do funcionamento deportivo.

A través das diferentes liñas de apoio ao deporte, a Deputación destina este ano máis de 4,5 millóns de euros en axudas que benefician a 570 clubs e entidades de todos os concellos e todas as disciplinas deportivas da provincia.

Ligazón á resolución do BOP: 

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/06/16/2025_0000003919.pdf

Lea también

El Housefulness Gadesport O Parrulo logra el Campeonato de España benjamín femenino

Las ferrolanas completan una temporada imparable ganando el título nacional como anfitrionas. Felicidad absoluta para …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *