Repartiranse case 190.000 euros, con premios de entre 10.000 e 20.000 €. Entre os traballos seleccionados están unha novela gráfica sobre a historia do viño en Galicia, un proxecto transmedia de visibilización das raíñas galegas, un podcast medieval e unha mantelería de mesa con motivos do Reino.

Cultura da Deputación de A Coruña fixo públicas as quince propostas gañadoras do III Fondo de proxectos culturais do Reino de Galicia. A entidade provincial realizará un investimento final de 188.515 euros, repartidos en premios de entre 10.000 e 20.000 euros.
Entre os traballos premiados están unha novela gráfica sobre a historia do viño en Galicia, un proxecto transmedia de visibilización das raíñas galegas, un podcast medieval e unha mantelería de mesa con motivos do Reino.
A deputada de Cultura, Natividade González, destacou a calidade dos proxectos seleccionados, “moi na liña dalgúns dos obxectivos que ten o fondo, como mudar o relato hexemónico, e avanzar no camiño de normalización da nosa historia”. “Unha historia”, engadiu, “que debe sernos propia, pois o período medieval galego é un dos de máis esplendor e dos máis identitarios que temos como pobo”.
Trátase da terceira edición deste certame que ten como obxectivo combater a desmemoria e o esquecemento sobre o pasado medieval de Galicia a través do apoio a proxectos que contribúan á súa divulgación e posta en valor.
Os proxectos
-‘Laudatio funebris no Reino da Galiza Da morte, o pranto e o alén’, de Noente Paradise, que recibirá 20.000 €.
-‘As grandes raíñas galegas na historia, de Sermos Galiza (14.515 €).
-‘Martiño de Dumio: unha ollada á espiritualidade popular no Reino de Galiza’, de Orgullo Galego (14.000 €).
-‘Cómic-novela gráfica sobre a historia do viño en Galiza’, de Santos e Gonta (14.000 €).
-‘Iohanes in Eremo’, de Vanesa Trevín Pita (14 000 €).
-‘Raíñas de Galicia. Proxecto transmedia de visibilización das protagonistas da nosa historia’, de Ciencia Galega Industrias Creativas (14 000 €).
-‘A costa e os castelos’, de Alejandro Gándara Porteiro (14 000 €).
-‘Reino de Galicia á escena’, de Alba Bermúdez Iglesias (14 000 €).
-‘Rolán, Orlando, Roldan transita polo Reino de Galiza’, de Ignacio Vilariño Sanmartín (10 000 €).
-‘Do Reino (e) dos amores proscritos. Un reino esquecido, unha historia por contar’, de José Alberto Rodríguez Bello (10 000 €).
-‘A Revolta, un podcast medieval’, de Fernando Rodríguez Gómez (10 000 €).
-‘Verdades e mentiras da Gran Revolta Irmandiña’, de CRU Producións (10 000 €).
-‘Mantelería individual de mesa para restauración en papel conforme a normativa-Reino da Galiza’, de Alberto Sánchez Regueiro (10 000 €).
-‘Personaxes no mapa do Reino,’ de Suseia (10 000 €).
-‘Códice feminino’, de María Rúa (10 000 €).