San Sadurniño licita en 104.000 euros as obras viarias acollidas ao Plan Camiña Rural

O Concello de San Sadurniño acaba de publicar na plataforma de contratación co Sector Público toda a documentación relativa á licitación das obras de reparación dos eixos Ramisqueiras-As Leiras-Vilela, no Camiño Arriba, e Vilela-Vilachá, en Santa Mariña do Monte.
 
Agader
Trátase de dúas intervencións para a mellora de case dous quilómetros da nosa rede viaria que están orzamentadas nun total de 104.336,39 euros, posto que a pista situada no Camiño Arriba, de 1,2 quilómetros, levará firme aglomerado. As empresas do sector que queiran concursar polo contrato teñen até as 23:59h do próximo 26 de xuño para presentar as súas ofertas. Estas obras contan cunha achega lixeiramente superior aos 86.000 euros procedentes do Plan Camiña Rural posto en marcha pola AGADER con fondos europeos.

A pista máis curta que se vai reparar encóntrase no lugar da Pena, en Santa Mariña do Monte, e trátase dun camiño asfaltado de 505 metros de longo que conecta a estrada provincial DP-7603 co lugar de Vilachá pasando por detrás do Mesón Os Cazadores. No proxecto tamén se incluiu o camiño circular que lle dá servizo a dúas vivendas algo máis afastadas da pista principal, sumándolle á obra final outros 240 metros.

Dado que non é unha vía principal que soporte un tráfico intenso, os traballos correctivos  consistirán nunha limpeza do firme e das cunetas que irá seguida do tapado de baches e a extensión dunha nova capa de rodadura con regas asfálticas e saburra. A pista manterá o seu ancho medio de 3,5 mtros no eixo principal e de 3 metros no tramo interior do lugar da Pena.

Na outra pista acollida ao Plan Camiña Rural, a que une os lugares das Ramisqueiras, As Leiras e Vilela, no Camiño Arriba, optouse por firme aglomerado. Tal e como reflicte o proxecto técnico, a primeira actuación consistirá nunha limpeza xeral da vía e das súas beiras, co cobxectivo de deixala nas mellores condicións posibles para recibir posteriormente a nova capa de rodadura de 5 centímetros de grosor e un ancho medio de 4,75 m, máis uniforme e seguro que o actual. A obra finalizará co pintado da sinalización horizontal.

O contrato encóntrase en licitación pública por un prezo de 104.333,09 euros, impostos incluídos. O Concello cubrirá parte deste investimento cos 86.229 da axuda do Plan Camiña Rural, cofinanciado por Medio Rural, o Ministerio de Agricultura e os fondos europeos do FEADER. Os custes do IVE serán asumidos con fondos municipais. Este plan, antes chamado Plan de Camiños Municipais, é un programa dirixido exclusivamente aos concellos para actuacións de ampliación, mellora ou mantemento de pistas de titularidade municipal que dean acceso en calquera punto do seu trazado a polo menos dúas parcelas agrícolas.

A obra de maior envergadura -a das Ramisqueiras ata Vilela- fora aprobada polo Concello a principios de ano como previsión do Plan Complementario do POS+, en espera de que a Deputación activase novas partidas económcias para poder levala a cabo. Porén, pouco despois activouse o Plan Camiña Rural 2025-2026 (o programa pode executarse en dúas anualidades) e o consistorio optou por acomodar nel este proxecto e o da Pena, de modo que tamén se acurtarán os prazos para ter listas as obras.

En marcha o acceso á área recreativa dos Currás
A licitación destas dúas obras prodúcese practicamente ao mesmo tempo que comeza outro proxecto de reparación viaria, neste caso financiado pola Deputación. E é que hai tan só uns días comezaron os traballos que rematarán co aglomerado da pista que enlaza Marqués de Figueroa coa zona deportiva e de lecer dos Currás, onde se encontran o campo de fútbol municipal e a piscina.

O proxecto en marcha consistirá no ancheado da estrada, o soterrado das canalizacións e a extensión dunha nova capa de aglomerado que incremente a durabilidade e a seguridade de todo este eixo viario, un dos máis utilizados da zona urbana de San Sadurniño, sobre todo nas fins de semana e no verán.

Da obra estase encargandoa empresa José No Mantiñán en Hijos Construcciones S.A. tras impoñerse a outras dúas ofertas cunha proposta de 85.789 euros, o que supón unha rebaixa de 5.500 euros do prezo base da licitación.

 

Lea también

Abertas as inscricións en Moeche no programa deportivo Verán en Acción

No verán en Moeche xa é tradicional a oferta municipal de actividades ao aire libre. …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *