A Deputación de A Coruña recibe ao equipo de barco dragón do Club Náutico Folixa das Pontes

Serán as representantes galegas no Campionato de España BCS tras imporse no campionato galego. Valentín González Formoso destacou o “gran exemplo” de compañeirismo e superación que representan.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, recibiron no Pazo Provincial ao equipo de barco dragón do Club Náutico Folixa das Pontes, que vén de proclamarse campión galego na súa categoría e representará a Galicia no próximo Campionato de España BCS (Breast Cancer Survivors). O acto serviu como recoñecemento á traxectoria deportiva e humana dun grupo de mulleres que constitúe todo un exemplo de superación e forza colectiva.

Formoso felicitou persoalmente a todas as integrantes do equipo —Raquel, Mónica, Eli, Sinda, Amparo, Isa, Ángeles, Tania, Chus, Miriam, Lina, Emma e María—, así como ao seu adestrador e temoneiro, Iván, destacando que “completastes unha grande fazaña proclamándovos campioas galegas, o que vos converte nas mellores embaixadoras de Galicia para o campionato estatal”.

O presidente provincial subliñou tamén o valor simbólico e terapéutico desta disciplina. “É abraiante coñecer as vosas testemuñas e ver como, a través deste deporte, conseguistes recuperarvos física e, sobre todo, emocionalmente. Non todas sodes doentes ou supervivintes dun cancro de mama, pero todas compartides a mesma forza, espírito de equipo e vontade de vivir intensamente”, afirmou Formoso, que engadiu que “se o deporte promove os valores do esforzo, o compañeirismo e a superación, penso que non hai un mellor exemplo ca o voso”.

O barco dragón, embarcación tradicional chinesa, evolucionou nos últimos anos ata converterse nunha ferramenta clave na recuperación de mulleres con cancro de mama, grazas á combinación de exercicio físico, apoio emocional e vínculo social. Esta práctica fortalece a musculatura, mellora a circulación e contribúe a previr o linfedema, sendo cada vez máis recoñecida polos beneficios que achega á saúde integral das participantes.

Formoso destacou tamén o traballo do Club Náutico Folixa das Pontes, que dinamiza a lagoa coa promoción de actividades como o kaiak ou o paddle surf. “Desde a Deputación queremos agradecer e apoiar o labor do club, que pon en valor un espazo natural único coma a lagoa das Pontes”, declarou. Nese sentido, lembrou que a Deputación contribuíu economicamente á adquisición do novo barco dragón co que compite o equipo, unha ferramenta que permite seguir medrando en número de participantes e en calidade deportiva.

O acto rematou cunha homenaxe chea de emoción e agarimo, onde se puxo de manifesto o compromiso institucional co deporte inclusivo, coa igualdade e co benestar das persoas. “Este recibimento é unha homenaxe máis ca merecida, e dámosvos o maior dos ánimos para ese campionato de España, onde estou seguro que volveredes a demostrar o equipazo que sodes”, concluíu González Formoso.

 

Lea también

Valdoviño abre inscripción en un programa gratuito sobre tecnología creativa

Dirigido a jóvenes de entre 14 y 17 años, el Ayuntamiento de Valdoviño abre inscripción …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *