O Meirasland regresará a Valdoviño o 9 de agosto cun cartel de primeira

O festival de música electrónica avanza os primeiros artistas confirmados: Alvama Ice e Kike Varela, e afirma que tras unha primeira edición que lles serviu de aprendizaxe, este ano van a por todas.

MEIRASLAND valdoviño

Trala espectacular resposta do público na súa primeira edición, o festival de música electrónica Meirasland regresa ao calendario local o próximo 9 de agosto, e o mediodía deste xoves 5, a sala de exposicións temporais da casa da cultura acollía a rolda de prensa de presentación.

Participaban nela a concelleira de Cultura e Turismo, Rosana García; Omar Ismaíl, codirector do festival xunto a Iván Freire; a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; e o alcalde, Alberto González. En representación do equipo organizador tamén asistía Rebeca López, responsable de comunicación do evento.

Todos eles coincidiron en destacar a proxección do festival, que na súa primeira edición reunía a máis de 3.000 persoas, convertindo así a Meirás nun novo punto de referencia para a música electrónica en Galicia. Nesta liña, concelleira e alcalde subliñaban o compromiso do Concello co Meirasland dende os seus inicios, valorando o impacto cultural, social e turístico do evento, así como o seu papel na dinamización do territorio.

Pola súa banda, a representante da Xunta destacaba a incorporación do festival ao programa Concertos do Xacobeo, unha colaboración que reforza a súa proxección a nivel autonómico consolidándoo como unha cita de relevancia no calendario cultural galego.

presentacion MEIRASLAND valdoviño

Meirasland 2025 promete superar as expectativas cun cartel de artistas en expansión, melloras na produción e unha experiencia máis completa para o público. Entre os primeiros nomes confirmados destacan Alvama Ice, un dos referentes urbanos do momento con máis de 1,5 millóns de seguidores en TikTok, e Kike Varela, DJ compostelán cuxo tema “Micaela” xa ten superado a barreira dos 4 millóns de reproducións.

Ademais da música, o festival ofrecerá foodtrucks, zonas  de descanso e actividades paralelas pensadas para todos os públicos. “Aprendemos moito da primeira edición, e este ano imos a por todas”, afirmaba Ismaíl. Meirasland 2025, co impulso do Concello de Valdoviño e o respaldo da Xunta de Galicia a través dos Concertos do Xacobeo, prepárase para facer historia de novo o vindeiro 9 de agosto en Meirás.

Lea también

La Concatedral de San Julián vibra con un recital solidario del maestro Carlos Fernández para impulsar su futuro órgano monumental

El organista mugardés Carlos Fernández Bollo, titular de las catedrales de Mondoñedo y León, protagonizó …