A sala de exposicións da Biblioteca municipal de Narón acolle do 10 ao 20 de xuño unha mostra de artesanía cos traballos realizados polo alumnado da Asociación artístico cultural Mesturas durante o actual curso, tal e como avanzou a edil de Bibliotecas, Olga Ameneiro.
As persoas que se acheguen poderán ver unha selección de pezas elaboradas nos obradoiros de cerámica, pintura e restauración e costura creativa. A mostra poderá visitarse de luns a venres, en horario de 17:00 a 20:00 e o sábado de 10:00 a 13:00 horas.
No obradoiro de cerámica a imaxinación toma forma a través do barro –gres, caolín, refractaria, Buño ou arxila vermella- para crear pezas decorativas, utilitarias ou puramente artísticas. En canto ao de restauración, tamén se poderán ver pezas elaboradas a través de diferentes técnicas (acrílico, óleo, pastel, acuarela…) aplicadas a varios estilos e soportes.
Tamén hai pezas ás que se lles deu unha segunda vida para recuperalas do deterioro do tempo, como é o caso de reloxos, espellos ou pequenos mobles, e mesmo outros obxectos de manualidades e personalización de pezas con pintura, como camisetas, bolsas, paraugas ou cristais.
Finalmente, no obradoiro de costura creativa recupéranse pezas esquecidas e créanse outras novas, como bolsos, disfraces, neceseres… empregando técnicas de patronaxe e moita imaxinación.
A exposición é unha oportunidade para coñecer o traballo artístico dunha comunidade diversa e creativa, e para achegarse aos resultados dun proceso de aprendizaxe no que o máis importante é o entusiasmo, a experimentación e a expresión persoal. A Asociación artístico cultural Mesturas ofrece actividades para persoas de todas as idades. A maior parte do alumnado estaba inicialmente composta por persoas adultas, pero en obradoiros como o de pintura e restauración xa participan nenas e nenos.