A Área Sanitaria de Ferrol recibiu no último ano tres doazóns multiorgánicas

O Día Mundial do Doante celébrase este mércores e os profesionais da Área Sanitaria de Ferrol-ASF súmanse á Asociación Alcer para dar as grazas a aquelas persoas e ás súas familias que doan os seus órganos e salvan vidas con ese acto altruísta.

Acto no Concello de Narón

Profesionais da Área Sanitaria de Ferrol e integrantes da Asociación Alcer conmemoraban xuntos un ano máis o Día Mundial do Doante de órganos e tecidos que se celebra este mércores 4; «Días como este serven para dar as grazas ós doadores e ás súas familias e recordar a enorme importancia deste acto», subliñaron esta mañá no Concello de Narón, na mesa que para esta ocasión habilitou a Asociación Alcer, e á que acudiron profesionais da Área.

Este ano, dende a coordinación de Doazón na Área Sanitaria de Ferrol, a facultativa da UCI, María José Castro Orjales, quixo destacar o inmenso valor da doazón, e sobre todo subliñar a relevancia de que “o noso entorno entorno familiar ou máis achegado sexa coñecedor da nosa intención de ser doadores”. Estiveron tamén neste acto, a subdirectora de Enfermaría, Begoña Vidal Maroño, o xefe do Servizo de Nefroloxía do CHUF, Pablo Bouza Piñeiro; e o enfermeiro da UCI, Javier Hermida. Por parte de Alcer, estaba Ángela Breijo, traballadora social de Alcer Coruña na delegación de Ferrol.

Na Área Sanitaria de Ferrol, producíronse un total de tres doazóns multiorgánicas neste pasado ano 2024, a mesma cifra que no ano inmediatamente anterior. Estas doazóns implican poder salvar ou mellorar a calidade de vida de ata 27 persoas. Máis concretamente pódense salvar 15 vidas (tres corazóns, tres fígados, tres páncreas e seis pulmóns), e mellorar a vida de cando menos 12 persoas máis coas córneas e os riles.

Máis tarxetas de doante e constante formación

Con todo, a mellor maneira para asegurar que exista a oportunidade de vida que ofrecen os transplantes é facerse doante. A tarxeta de doante é un documento que se solicita e formaliza en vida sen compromiso legal. A súa utilidade é expresar de maneira escrita o testemuño de desexo de doar. Pero a clave tamén é poñer en coñecemento a familia e entorno achegado dese feito, xa que os médicos sempre a van consultar, e poderán referendar esa vontade de doazón expresada formalmente tempo atrás.

Esta tarxeta expídese en institucións públicas como a Consellería de Sanidade ou o Complexo Hospitalario, por exemplo; privadas, como algunhas asociacións de pacientes; e, tamén, a través do espazo web da Área Sanitaria de Ferrol, onde se ofrece información sobre a doazón, as preguntas más frecuentes, onde doar, ou como facer a tarxeta de doador. Neste ámbito, facilítase información e números de contacto. Sempre é gratuíta e tela non implica un compromiso definitivo, xa que se pode anular sempre que o titular o desexe.

Na Área Sanitaria de Ferrol, hai rexistradas a día de hoxe un total de 10.111 tarxetas de doante na Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). Superábase este ano a valiosa cifra de 10.000. Neste senso, destacar a xenerosidade da poboación da Área Sanitaria de Ferrol, xa que esta cifra increméntase cada ano; no ano 2024, eran 9.840 as tarxetas; e, no ano inmediatamente anterior 2023, a cifra rondaba as 9.600.

Os órganos que se poden doar son os riles, o fígado, o páncreas, o corazón, os pulmóns e o intestino. E os tecidos, as córneas; pel; óso, cartilaxes e tendóns; vasos sanguíneos (arterias e veas); válvulas cardíacas; sangue e os proxenitores hematopoéticos (da medula ósea, do sangue periférico e do sangue de cordón umbilical); e a membrana amniótica da placenta. Pódese ser doante en vida ou tralo falecemento.

Pero este acto celebrado no Concello de Narón non é illado polo Día Mundial, de feito, nesta mesma tarde, os coordinadores da doazón nesta Área Sanitaria (son tres, dous facultativos e un profesional de Enfermaría) realizan actividades formativas sobre doazón de órganos para profesionais da Área; e acoden tamén ós colexios para falar da doazón, onde destacan a importancia de que estas cuestións se falen en familia.

Por último, destacar a constante colaboración do Servizo de Nefroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, que soe sumarse en colaboración coa Asociación Alcer ós días Mundiais relacionados
coa doazón de órganos. Un dos obxectivos é sempre concienciar sobre a prevención para non chegar a precisar un tratamento renal substitutivo, entre os que figuran o transplante renal. Nese senso, a insuficiencia renal é a alteración da función do ril limitando a capacidade de eliminación dos produtos tóxicos do organismo.

Máis da metade das consultas por enfermidade renal crónica teñen a súa orixe en enfermidades evitables, como a diabetes e a hipertensión. Por isto son tan importantes as medidas de prevención na poboación xeral e a detección precoz en persoas en idade avanzada, con hipertensión, diabetes, pacientes con enfermidade cardiovascular en xeral, ou con historia familiar de enfermidade renal, para evitar precisar dun órgano.

Lea también

O pavillón do Val acolle o I Torneo de hockey patíns Cidade de Narón

O concelleiro de Deportes de Narón, Ibán Santalla, e a presidenta do club Hockey Narón, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *