As novas instalacións municipais de Tiro con Arco, no polígono de Río do Pozo, Narón, estrearanse esta fin de semana, o sábado e o domingo, coa celebración do Campionato Xunta de Galicia de Tiro con arco aire libre e a cuarta fase da Liga galega aire libre. Así o anunciaron o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e a presidenta do Club Arco Narón, Magdalena Abella, confirmando a asistencia de 203 participantes, pertencentes a 29 clubs galegos.
O sábado día 31 ás 9:00 horas terá lugar a recepción dos arqueiros e a entrega de dorsais, para iniciar a competición ás 10:00 horas, con dúas series de clasificación (seis tandas de seis frechas cun tempo máximo de tres minutos). Pola tarde ás 15:00 horas retomaranse as tandas de adestramento e ás 15:30 horas iniciaranse as eliminatorias, para rematar a competición ás 19:00 horas. O domingo a competición volverá ás 10:00 horas e tamén ata as 19:00 horas, cun descanso ao mediodía para xantar. Os homes e mulleres que participarán neste campionato farano en diferentes disciplinas: arco tradicional, long bow, arco desnudo.. nas categorías dende prebenxamín ata veterán.
A presidenta do Club Arco Narón asegurou que “estamos moi agradecidos ao Concello polas novas instalacións” e destacou a acollida a nivel de participación, que tivo o campionato que se celebrará a vindeira semana. A maiores, o concelleiro de Deportes felicitou ao club polo traballo que realiza na cidade dende hai moitos anos, cunha ampla traxectoria no ámbito deportivo, e destacou tamén a importancia de celebrar na cidade este tipo de competicións, ás que anima a acudir á cidadanía para animar aos participantes, casi unha vintena do club local.