Narón prepárase para vivila Festa do Marisco

A concelleira de Festas, Mar Gómez, e o presidente da Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre, Jorge López, presentaron a programación da Festa do marisco que se celebrará o vindeiro 7 de xuño no paseo marítimo de Xuvia.

Vieiras, zamburiñas, navallas e paella de marisco son algunhas das propostas culinarias desta xornada, que terán un custe de entre 6 e 15 euros e cuxos tickets se venderán nas inmediacións da carpa o mesmo día da festa. Baixo unha carpa instalada no paseo, con mesas e cadeiras, cociñarase para uns 600 comensais, atendendo ás estimacións da organización. Un chef da comarca realizará unha degustación culinaria de balde ás 12:00 e outra ás 18:30 horas.

“Explicará un pouco como se extrae o carneiro, como se cociña, as súas propiedades… un marisco que é bastante común dende a década dos 90 pero que non tiña ao inicio valor comercial”, asegurou López. Así mesmo, tamén se instalará un stand con produtos da confraría e haberá un área con inchables para os nenos.

“Queremos agradecer a colaboración do Concello, porque é moi importante para nós que unha das cidades máis importantes de Galicia nos dea esta oportunidade”, asegurou o presidente da Confraría. López destacou a importancia de “poder amosar os nosos produtos ás veciñas e veciños de Narón e doutros concellos, para que os coñezan e valoren que son de quilómetro cero, sostibles”.

Dende a entidade recordaron que contan con bancos marisqueiros dende Narón (concretamente dende a rampa da Faísca, no Couto, por Xuvia e ata a rampa do Seixo, en Fene) e “a gran maioría dos nosos socios pertencen a este concello”, asegurou. Pola súa banda, a concelleira de Festas, Mar Gómez, destacou “a importancia de apoiar este tipo de festas gastronómicas, que axudan a poñer en valor os nosos produtos e, ao mesmo tempo, a nosa gastronomía, a nosa cultura e tamén a nosa cidade”. A edil naronesa animou «á cidadanía a achegarse a esta festa do marisco e desfrutar dunha xornada gastronómica no paseo de Xuvia”.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …