Psoe Ferrol alerta que o goberno local segue sen executalo orzamento

Só se executou un 2,1 % dos investimentos reais no primeiro trimestre de 2025 . O alcalde de Ferrol “presume de aprobar orzamentos, pero é incapaz de executalos”, denuncia Rafael Fernández

O Grupo Municipal Socialista volve alertar sobre a grave situación de parálise na xestión do Concello de Ferrol baixo o goberno de José Manuel Rey Varela. «Segundo os datos oficiais publicados polo propio executivo, no primeiro trimestre de 2025 apenas se executou un 2,1 % do capítulo de investimentos reais (Capítulo 6), cun gasto real de só 668.344 euros dos máis de 31,9 millóns orzamentados».

«Esta execución mínima confirma o mesmo patrón de ineficacia xa observado en 2024, cando, segundo os informes municipais, se deixou sen executar o 96 % das inversións ao remate do terceiro trimestre».

“A este ritmo, imos camiño de repetir o mesmo desastre. Rey Varela e o seu goberno presumen cada ano de aprobar orzamentos, pero despois non executan nin un mínimo razoable. Iso é enganar á cidadanía con titulares mentireiros”, denuncia Rafael Fernández Beceiro, concelleiro do Grupo Municipal Socialista.

“O problema non é a falta de orzamento. O problema é que non saben xestionar nin converter os recursos públicos en melloras reais para a cidade. Ferrol ten un alcalde ausente, centrado no Senado, con maioría absoluta, con 11 asesores e co orzamento aprobado… e aínda así a cidade segue parada”, engade Fernández.

Desde o grupo socialista denuncian «que esta parálise na execución orzamentaria está a afectar directamente á calidade de vida da veciñanza: obras prometidas que non comezan, proxectos anunciados que non se materializan, equipamentos sen renovar e barrios que seguen abandonados pola inacción do goberno».

“É unha falla política e de compromiso coa cidade. Cada euro non executado é unha oportunidade perdida para mellorar Ferrol. A propaganda non tapa os buratos nas rúas, nin substitúe as inversións que non chegan aos barrios”, sinala Fernández.

O Grupo Municipal Socialista insta ao alcalde «a que dea a cara, explique á cidadanía esta situación e corrixa de inmediato esta deriva preocupante. “Non pode seguir eludindo responsabilidades mentres Ferrol segue sen avanzar”.

«Ferrol necesita menos escusas e máis acción. Non hai desculpa posible cando se teñen todos os medios para gobernar e non se usa ningún. É hora de traballar. Ferrol non pode esperar máis».

Lea también

El TSXG anula el presupuesto relacionado con el gasto de personal aprobado por el Ayuntamiento de Ferrol

La sentencia estima el recurso de la CIG y sanciona al Consistorio por «desprecio absoluto» …