Preto de 450 alumnos de quinto e sexto curso de educación primaria e de primeiro da ESO participaron dende o inicio deste curso nos obradoiros de convivencia escolar e prevención do acoso escolar organizados dende o Concello de Narón.
Así o recordou a concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, que destacou o compromiso do Concello con estas materias e valorou a implicación e colaboración da comunidade educativa. A edil naronesa anunciou que xa se pode visitar na planta de acceso ao Consistorio unha mostra de chapas contra o acoso escolar realizadas polos escolares nas aulas.
“O pasado 2 de maio conmemorouse o Día Mundial contra o acoso escolar” e esa mesma semana o «alumnado ao que se dirixen estes obradoiros participou nun de confección das chapas que durante as vindeiras semanas se poderá ver no Concello. Os escolares deseñaron as imaxes e os lemas reivindicativos que locen as chapas, todas elas para continuar loitando contra esta lacra social”, explicou a concelleira.
A través deste programa, indicou, “tratamos de sensibilizar, educar e dotar ao alumnado de ferramentas para a convivencia, o respecto e a empatía”, recalcou a edil naronesa. Ameneiro animou á cidadanía a visitar a mostra de chapas contra o acoso escolar “porque loitar contra esta grave problemática é unha tarefa de todas e todos”.