As subvencións para investimentos de Promoción Económica financian proxectos como mellora de locais, equipamento teconolóxico ou actuacións de mellora de eficiencia enerxética

A Deputación da Coruña publicou o mércores 21 de maio no Boletín Oficial da Provincia a resolución provisional do programa de subvencións para investimentos de promoción económica destinados a entidades sen ánimo de lucro do ámbito veciñal e rural da provincia, correspondente ao exercicio 2025. En total, son 16 as asociacións beneficiarias desta liña de axudas, cun importe global de 225.344 euros.
Entre os proxectos subvencionados destacan iniciativas como a mellora de locais sociais, a adquisición de equipamento tecnolóxico, a creación de espazos deportivos ou recreativos e actuacións para mellorar a eficiencia enerxética ou a accesibilidade nos espazos comúns das parroquias.
A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, destacou que “estas axudas permiten ás asociacións desenvolver proxectos que melloran a vida nas aldeas e nos pequenos núcleos, fortalecen o tecido asociativo e fomentan a cohesión social e a dinamización económica no rural”.
“A nosa prioridade é garantir que os recursos públicos teñan un impacto real nos territorios”, explicou Capelán. “As entidades veciñais son fundamentais para manter vivo o rural e para impulsar proxectos que responden ás necesidades da veciñanza”.
Entre os proxectos que contarán con axudas da Deputación atópanse, por exemplo, a creación dunha biblioteca rural na Asociación de Veciños de Nogueirosa, en Pontedeume; a mellora da eficiencia enerxética do local da Asociación de Mulleres Rurais de Xesteda (Cerceda), ou o reasfaltado da pista polideportiva da Asociación de Veciños San Juan de Esmelle, en Ferrol.
A resolución publicada no Boletín Oficial da Provincia abre agora un prazo de dez días hábiles para que as entidades poidan presentar alegacións ou emendar erros. Unha vez rematado este período, aprobarase a resolución definitiva.
Listaxe de subvencións:
https://bop.dacoruna.gal/