Ferrol en Común expresa «a incapacidade do goberno local dilatará máis as deficiencias do servizo, malia o notable esforzo do seu cadro de persoal».
Ferrol en Común a través dun comunicado expresa que «nas últimas semanas dúas novas preocupantes» ás que tivo acceso Ferrol en Común, «malia aos esforzos por anular a transparencia do goberno local, poñen de manifesto que unha nula xestión van supoñer un duro impacto nos servizo de recollida de residuos e na economía do concello, que, de seguir a mesma dinámica, volverá a subir os impostos e taxas para paliar os erros propios motivados pola neglixencia do alcalde de Ferrol».
«En primeiro lugar, o Consello Consultivo de Galicia, vén de recoñecer que deben abonarse os custos reais polo servizo, reclamados pola compañia privada, incluído o beneficio industrial e cos intereses de demora, anulando a resolución do concello que os denegaba. Isto que suporá un gasto extraordinario de centos de miles de euros, que o goberno debe facer públicos se pretende cumprir cos mínimos democráticos esixibles».
«Esta nova, nefasta, e que terá consecuencias ou ben a nivel impositivo para a veciñanza, ou ben na paralización de actuacións imprescindibles noutros eidos para afrontar o pago, contrasta coa actitud endeble do goberno local con Urbaser: sendo consciente de que todas as auditorías realizadas nos últimos anos certifican que Urbaser debe abonar por ingresos indebidos 800.000 euros anuais ao Concello de Ferrol, non se iniciou ningunha accion, xudicial ou extraxudicial para reclamalos, pese ao clamor unánime da oposición»
«En segundo lugar a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Función Pública, vén de denunciar a falta de transparencia do Concello de Ferrol, ao abrir unha fase de alegacións á estrutura de custos do servizo sen telos publicados na súa páxina web, motivo suficiente para non poder informalo favorablemente e instando a corrixir ese despropósito ao goberno local. Dende Ferrol en Común instamos a iniciar un novo prazo, coa publicación correcta, co fin de evitar futuros recursos que dilaten aínda máis a modernización do servizo e a garantía salarial para o colectivo de traballadores».
Por último compre sinalar que Ferrol en Común «tivo acceso a eses documentos logo dun farragoso proceso que trata de evitar a labor de fiscalización que corresponde á oposición, podendo visualizar a documentación sin copia nin poder obter imaxes, o que sumado a detracción de competencias do pleno, converte a este goberno no máis autoritario e opaco da historia da democracia».