Se premia ás gañadoras da campaña turística en RRSS “Pícnic Pontés”

A campaña de promoción turística tivo máis de 20.000 visualizacións.

Fuente Concello de As Pontes

O Concello das Pontes celebrou este domingo o acto de entrega dos premios do sorteo “Pícnic Pontés”, unha iniciativa promovida pola área de Turismo a través das redes sociais municipais de Facebook e Instagram, coa finalidade de poñer en valor os produtos locais e dinamizar a participación cidadá en torno á promoción turística.

A concelleira de Axenda Urbana, Turismo, Deporte e Promoción Económica, Elena López, foi a encargada de entregar os premios ás dúas persoas gañadoras: Eva López (gañadora a través de Facebook) e Elvira Corral (gañadora en Instagram), quen recolleron cadanseu premio nas dependencias da Casa do Concello.

“É un detalle que se agradece moito. Eu resido en Ferrol, pero teño familia aquí, e sempre animo a xente que veñan visitar As Pontes”, comentou Elvira durante o acto. Eva, pola súa banda, destacou “a sorpresa” de resultar premiada e tamén “por participar nunha iniciativa tan simpática e que lle parece útil para mostrar a calidade do produtos ponteses”.

Ambas recibiron unha cesta de pícnic elaborada en vimbio, tea e coiro, personalizada co logotipo de Turismo As Pontes, que incluía unha coidada selección de produtos locais: menaxe para pícnic, un queixo afumado de Queserías do Eume, manteigadas e polvoróns artesáns, mel da Casa do Mel de Goente, un suadoiro promocional de Turismo As Pontes, un libro de fotografías históricas de “Daquela As Pontes” e un exemplar do libro-cómic “Venturas e desventuras do cabaleiro García Rodríguez, o das Pontes”.

A campaña, activa do 15 ao 27 de abril, xerou unha alta participación con 664 interaccións válidas en Instagram e 534 en Facebook. Os sorteos realizáronse o 30 de abril mediante a ferramenta Rafflys, garantindo a transparencia no proceso.

Fuente Concello de As Pontes

A actividade nas redes sociais de Turismo As Pontes segue medrando. Na actualidade, a conta oficial de Facebook de Turismo As Pontes conta con máis de 6.500 persoas seguidoras, mentres que Instagram supera as 2.800. Só no último mes, entre ambas plataformas, as publicacións promocionais superaron as 100.000 visualizacións.

Durante o acto, a concelleira Elena López salientou “o éxito dunha proposta sinxela pero eficaz para promover o noso patrimonio cultural e gastronómico desde un enfoque participativo”. Engadiu ademais que “continuaremos explorando as redes sociais como canle estratéxica para achegar As Pontes á xente, poñendo en valor o que somos e o que temos”.

Desde Turismo As Pontes agradécese a implicación de todas as persoas participantes e anímase á veciñanza a seguir os perfís oficiais para estar ao tanto de novas campañas e actividades.

Lea también

Ferrol participa en la XIX Feria Modernista de Barcelona

La ciudad tendrá su propio stand en este evento que se celebra del 23 a …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *