Ferrol acollerá, por cuarta vez, os ‘Premios Paraugas’ do Clúster da Comunicación de Galicia

A gala da undécima edición destes galardóns celebrarase o vindeiro 13 de novembro no teatro Jofre.

O Premio Paraugas de Honra Galicia Calidade recae este ano en José María Fonseca Moretón, impulsor da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda–Concurso Francisco Mantecón | fot. Ferrol

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, participou este martes na presentación da undécima edición dos Premios Paraugas, que se celebrará na cidade por cuarta vez. O evento, organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia, terá lugar o vindeiro venres, 13 de novembro, no teatro Jofre, que acollerá a gran festa da comunicación, a publicidade, o márketing e a creatividade galega.

Na presentación participaron tamén o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e a presidenta do Clúster da Comunicación de Galicia, Marta Ferro, que estiveron acompañados pola delegada territorial da Xunta de Galicia,
Martina Aneiros, o presidente da APFSC, José Antonio Álvarez, e o director da Zona de Ferrol/Ortegal de ABANCA, Óscar López.

O rexedor expresou a súa satisfacción por que Ferrol volva ser a cidade elixida para acoller estes premios, que se converteron nun referente para o sector en Galicia. “Con esta cuarta vez creo que estou en disposición de dicir que Ferrol é xa parte da historia destes premios”, afirmou.

Neste sentido, destacou que a elección da cidade por parte do Clúster responde á súa capacidade para ofrecer un escenario singular para unha cita destas características. “O Clúster viu moito máis aló do Ferrol que todos coñecemos, e escolleu levar os seus premios a unha cidade con carácter, con industria, con talento e coa capacidade xa coñecida por todos para reinventarse”, sinalou.

Rey Varela puxo en valor a identidade dunha cidade na que “a tradición naval convive coa cultura, e onde nos abrimos ao mar e ao mundo”, e subliñou que a continuidade dos premios en Ferrol demostra que a colaboración entre o Clúster e a cidade funciona. “Non basta con ter un bo teatro ou unha boa localización: hai que ter capacidade para acoller, para facer que quen chega de fóra se vaia coa sensación de que estivo nun lugar especial. E en Ferrol temos o toque”, engadiu.

XI EDICIÓN PREMIOS PARAUGAS
A undécima edición chega con novidades na súa estrutura. Así, as categorías competitivas pasan a 13, coa separación, por primeira vez, entre deseño gráfico e deseño dixital. Ademais, incorpóranse novos recoñecementos vinculados ás redes sociais, adaptándose á evolución das formas de comunicación e aos cambios experimentados polo sector nos últimos anos.

O alcalde destacou que estas modificacións permiten recoñecer a diversidade e a calidade dos traballos que se están a desenvolver en Galicia, capaces de competir en calquera escenario. “Os Paraugas queren recoñecer todo iso, porque o sector galego está a facer traballos capaces de competir en calquera lugar”, apuntou.

Pola súa parte, Marta Ferro manifestou que “o sector cambia e os Paraugas evolucionan con el. Queremos recoñecer a diversidade do talento galego e facer visible o valor que a comunicación, o deseño e márketing achegan ás empresas e á sociedade”.

Dende a Xunta de Galicia, o secretario Xeral da Lingua, Valentín García, subliñou que “estes galardóns poñen en valor o talento, a innovación e o traballo conxunto de todo o sector da comunicación galega”. Así mesmo, destacou que “somos unha potencia no noroeste peninsular, cunha identidade, un patrimonio, unha cultura e un tecido empresarial que merecen ser proxectados ao exterior. Neste labor, a colaboración entre as empresas que integran o Clúster e as institucións resulta esencial”.

FINALISTAS DESTA EDICIÓN
Durante o acto tamén se deu a coñecer as 39 candidaturas nas trece categorías destas convocatoria, o Premio Estudantes e o Premio Paraugas de Honra Galicia Calidade desta edición recaerá en José María Fonseca Moretón, impulsor da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda–Concurso Francisco Mantecón, unha figura de referencia no ámbito da comunicación e da creatividade.

O rexedor quixo trasladar tamén o seu recoñecemento a todos os finalistas, lembrando o traballo e a dedicación que hai detrás de cada candidatura. “Somos conscientes de que detrás de cada traballo hai moitas horas, moitas versións e moito compromiso”, manifestou.

Ferrol volverá acoller esta celebración “con orgullo, con experiencia e coa convicción de que esta cita veu en 2023 para quedar”. O alcalde rematou agradecendo ao Clúster da Comunicación de Galicia e á súa presidenta a confianza depositada na cidade e desexando sorte aos finalistas, así como que o público poida desfrutar dunha nova edición desta gran festa da comunicación galega.

Lea también

Exponav acoge la exposición conmemorativa del III Centenario de la creación de los departamentos marítimos

El alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, junto al Almirante Jefe del Arsenal Militar …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.