O acto de entrega dos galardóns foi onte venres nun acto no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide, no que se leron as obras presentadas, e entregáronse os galardóns.
Emma Lamas Maceiras Míguez, coa poesía “Sía”; e María de la O Hermida Romero pola obra formato microrrelato “Chove a deus dar”, son as gañadoras do Concurso por mor do Día das Letras e do Libro, que organizou a Biblioteca da Área Sanitaria de Ferrol-ASF, en colaboración coa Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía; e a Asociación Deportiva e Cultural da Área Sanitaria de Ferrol (Adecasfe). E houbo tamén un finalista, Tomás Ramón Vázquez Rodríguez, coa obra “Ía ser un bo día”.
O acto de entrega dos galardóns foi este venres nun encontro no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, no que houbo un vídeo cos traballos participantes, a referencia da acta do xurado dos participantes, a entrega de premios, e a lectura da poesía e do microrrelato gañadores; e unha sorpresa final, a actuación do gaiteiro Miguel Neira interpretou tres pezas para os e as asistentes.
Segundo establecían as bases deste Concurso, podían presentarse tódolos profesionais da Área que están ou estiveran a desenvolver a súa actividade en calquera dos Centros de Saúde, Puntos de Atención Continuada, ou centros hospitalarios adscritos a ela. Establecéronse dúas categorías, Poesía e Microrrelatos. As obras presentáronse en lingua galega polo sistema de plica, con título, lema e pseudónimo, e cun máximo de 180 palabras. A temática era libre. Os traballos avaliáronse de acordo cos criterios de creatividade, mensaxe que aporta e orixinalidade. Estableceuse un premio por cada unha das categorías, un lote de libros.
O xurado estaba composto por Estrella López-Pardo Pardo, subdirectora de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía; Amanda Gómez Costa, secretaria da Adescafe; Silvia López Díaz-Robles, Supervisora de Calidade; Alexandra Silva Tojo, coordinadora TCAE da Unidade de Formación; José Ignacio Ramos Calahorra, gañador do concurso de Poesía no 2024; e Sabela Casal Soto, gañadora do concurso de microrrelatos tamén no ano anterior.

Tamén se reflicte nas bases que as persoas participantes manterán os seus dereitos de propiedade intelectual sobre as obras, aínda que autorizan a cesión dos dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación en favor da Área Sanitaria de Ferrol unicamente durante o tempo da exposición, xa que os traballos recibidos poderán ser expostos durante un mes na Área.