O auditorio de Cedeira acolle un concerto do grupo Cardo-Roxo

Afondando na fecunda relación entre Cedeira e a música portuguesa, o Auditorio da localidade acolle este sábado 10 de maio, a actuación do grupo Cardo-Roxo, formación de referencia no folk do país veciño. O concerto será ás 20.00 horas, con entrada libre ata completar o aforo.

Cardo-Roxo é unha formación creada en 2012 e adicada á preservación, divulgación e promoción da música tradicional portuguesa. Con sete discos no mercado, foi quen de artellar novos arranxos que potencian e actualizan o patrimonio musical luso. Ten actuado nos máis destacados escenarios do seu país e de Europa e o seu último traballo discográfico, “Além do Rio”, foi gravado en 12 monumentos diferentes, mosteiros e conventos cunha acústica excepcional.

A vila de Cedeira goza duna intensa vida musical na que destaca un especial gusto pola música portuguesa. Parte desa singularidade explícase polo concerto que o cantautor José “Zeca” Afonso ofreceu na localidade no ano 1980, despois da revolución dos craveis e como unha excepción nunha xira que unicamente o levou ás grandes cidades galegas. En 2017 naceu en Cedeira, por iniciativa do Concello, o Festival de Música Galego-Portuguesa, coincidindo co trinta aniversario do falecemento do compositor de “Grandola Vila Morena”, de maneira que esa relación se mantén e se cultiva.

Lea también

La Asociación de Veciños de Doniños acogió, este viernes, el Certamen de Corales de Navidad

La Asociación de Veciños de Doniños fue este fin de semana el escenario del Certamen …