Os coidados, dar e recibir, a xestión do estrés, o autocoidado e a autoestima. Son algunhas das cuestións que se abordarán este luns 12 de maio, ás 18.30 horas, nunha nova sesión do ciclo para familias «Máis que un teito» que aborda o tema «Coidarme para poder educar», organizado polas concellerías de Servizos Sociais dos Concellos de Fene, Mugardos e Neda.
A sesión será impartida por Naira González Fontenla, educadora social e psicopedagoga. O encontro desenvolverase no salón de actos da Casa da Cultura de Fene e, para asistir, cómpre inscribirse, indicando se precisa servizo de conciliación para atender ás crianzas. As prazas son limitadas (30) e cubriránse por orde de inscrición.
A presentación das solicitudes poderase facer polos seguintes medios:
A través do enderezo electrónico: servizos.sociais@fene.gal.; Achegando a ficha de inscripción cuberta; Nos teléfonos 981 342 607 ou 981 492 706 do Centro Municipal de Servizos Sociais.
«Máis que un teito» é un programa de formación en prevención familiar e comunitaria que ten como finalidade evitar o desenvolvemento e a consolidación de condutas de risco, promovendo estilos de vida saudables, tendo en conta a perspectiva de igualdade de xénero. Ademais, pretende sensibilizar, mellorar e complementar a información sobre a prevención familiar de maneira precisa e axeitada, incidindo nos factores de protección.
A actividade vai dirixida a epresentantes das ANPAs, entidades sociais e familias, ás que se lles ofrece manexar unha información obxectiva e veraz que lles axude a adoptar decisións autónomas e responsables en beneficio propio e social, reforzando actuacións preventivas.