Un total de 30 fotografías tomadas polas persoas usuarias da Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal na Fraga do Xarío, nas praias da Magdalena e de Doniños, no paseo do río Xuvia, no porto de Mugardos ou na vila pesqueira de Redes son as protagonistas da exposición Coa Mente no Mar. Proxecto ASCIDIA que poderá visitarse, de xeito totalmente gratuíto, ata o venres 16 de maio, na Sala de Exposicións do Centro Cultural Universitario do Campus Industrial de Ferrol, da man do GALP Golfo Ártabro Norte en colaboración coa Consellaría do Mar e máis coa Unión Europea.

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, a xerente do GALP Golfo Ártabro Norte, Tamara Tilve, e boa parte das persoas usuarias da Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal que formaron parte deste proxecto participaron, este luns 5 de maio, no acto de inauguración dunha iniciativa que pretende fomentar a conservación patrimonio natural do GALP a través das imaxes tomadas por este grupo de fotógrafos e fotógrafas afeccionados nas súas saídas polos distintos espazos naturais do territorio.
O luns 19 de maio, a exposición Coa Mente no Mar. Proxecto ASCIDIA trasladarase ata o CPR Loyola de Mugardos. Con todo, está previsto que nas seguintes semanas, e ata finais do mes de setembro, estas 30 fotografías roten por todo o territorio GALP pasando por Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne e por Pontedeume.
Ademais desta mostra fotográfica, o proxecto impulsado por GALP Golfo Ártabro Norte e máis pola Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal inclúe unha serie de obradoiros de cociña con produtos do mar, unha xornadas sobre o patrimonio natural e marítimo pesqueiro, así como sendas visitas aos distintos espazos naturais do territorio.