A Coruña conquista os “5 sentidos” do público bilbaíno que acudiu á presentación gastronómica da Deputación

O estadio de San Mamés converteuse no escenario de presentación da proposta gastronómica da Deputación da Coruña, que celebrou o evento “A Coruña cos 5 sentidos” ante un público profesional que coñeceu de primeira man algúns dos produtos locais máis representativos da provincia, elaborados polos cociñeiros de Pracer Zalaeta, Moncho Bargo e Javier Freijeiro. Este encontro repetirase na cidade de Vitoria este día 6.

Regueira explicou, durante a súa intervención, en que consiste ‘A paisaxe que sabe’, unha campaña “coa que facemos referencia ao saber e ao sabor da nosa provincia, un destino que destaca pola súa autenticidade”, sinalou. “Autenticidade que se traslada ás nosas paisaxes, á nosa xente e, por suposto, á nosa gastronomía”. O vicepresidente detallou que “queremos invitar a ese turista que saiba valorar todo o que a nosa xente é capaz de ofrecer: hospitalidade, calidade e diversidade” e convidou a todos os asistentes a visitar a provincia.

A xornada comezaba cun aperitivo de queixo Galmesán e croqueta Chili Crab, maridado con vermú Lodeiros. Posteriormente, o menú degustación, con dous pases protagonizados polas vieiras e ameixas de Mariscos de Barallobre. Os comensais tiveron a oportunidade de coñecer todos os detalles da súa captura da man do patrón maior, Jorge Pena. Para continuar, fabas galaicas, herbas do litoral, pescada, espárrago e touciño de porco celta. E, para rematar, filloa de requeixo de A Capela e toffee de licor café. Todo maridado con viños da IXP Viños da Terra de Betanzos e DO Rías Baixas da subzona Ribeira do Ulla. Un fantástico menú que se pechou coa mellor xenebra do mundo, Vánagandr.

Este citado martes 6 a área de turismo da Deputación viaxa ata Vitoria para presentar no Restaurante Zaldiaran a gastronomía da provincia da Coruña. “Euskadi é un territorio estratéxico para nós, con grandes sinerxías e que conta tamén cun perfil de visitante que valora a calidade, a autenticidade e a sustentabilidade” sinalou Regueira. “Con 956 quilómetros de costa, a nosa provincia é un produto turístico moi atractivo pois, ademais da gastronomía, destaca pola nosa cultura, lingua, recursos naturais incribles e, por suposto, a nosa xente”.

Lea también

La Real Filharmonía de Galicia celebrará su 30 aniversario con una nueva temporada que abrirá el 18 de septiembre

La orquesta interpretará un total de 16 piezas breves creadas por otros tantos compositores dentro …