O BNG de Ferrol propón un encontro cos axentes sociais para abordar o futuro do ferrocarril

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG de Ferrol expuxo «que a situación das infraestruturas ferroviarias na cidade, cun trazado sen electrificar e do século XIX, uns servizos precarios e frecuencias insuficientes está a condenar ao illamento a toda unha comarca como a de Ferrolterra». «Este abandono recorrente por parte das administracións responsables ten provocado ao longo dos últimos anos a reacción social de diversos colectivos e máis recentemente tense canalizado este rexeitamento á situación actual a través da constitución do Foro Cívico en defensa do ferrocarril».

Para Rivas, «non é cuestión de facer agora arqueoloxía política co obxecto de depurar responsabilidades ao respecto de como se ten chegado até aquí, pero si é o momento de que as organizacións políticas do concello de Ferrol asuman a responsabilidade de vehiculizar esta demanda social co obxecto de poñer punto e final a unha situación insostible».

Por estas razóns Rivas instou ao resto de grupos da corporación municipal «a convocar un encontro cos diferentes axentes socias da cidade e aberto á veciñanza co fin de definir uns obxectivos comúns e unha folla de ruta para exixir das administracións responsables a renovación do trazado e das infraestruturas ferroviarias na cidade que vertebre o territorio, o cumprimento de compromisos xa adquiridos a día de hoxe, como a execución do Bypass de Betanzos e a demanda da xestión propia dun servizo de proximidade que permita dunha vez por todas rematar cunha discriminación histórica que esta cidade non pode tolerar máis».

Lea también

Sale a licitación en Ferrol la obra para mejorar la habitabilidad del edificio 8 de la carretera de Castilla

El presupuesto es de 247.271,09 euros, (incluido el IVA del 10%) y el plazo de …